DEC 2017 Todo empezou con este videoclip de «Good Fruit» dos Hefner. O do baile digo. Máis ben o de fixarme nos pasos de baile e empezar a coleccionar videos con coreografías xeitosas, graciosas ou que polo menos a min me chistan.
Co tempo converteuse nun dos poucos hábitos sans da miña vida… porque tamén as bailo. É así, gústame moito bailar. Mal. Moi mal. Espantosamente mal. Pero non podo parar …nin quero. Así que o da outra noite no Clavi con Noe González e Grüvzilla foi un non parar. Unha das mais gratas sorpresas de este ano de concertos. Soul e funk tocado con sentimento por uns instrumentalistas sublimes e liderados por unha Noe González sen rival no escenario – e na pista de baile- de aquí a Memphis.
Será a edade ou a mente, ou a miña edade mental directamente… pero escapo lonxe, todo o lonxe que podo dos directos con músicos de estudio, de conservatorio, de 10 en técnica e… 0 en alma. Como escapo con fume de carozo dos cantantes dos programas da tele. Son un pesadelo para min. Nin rastro de malos soños neste ocasión cos Grüvzilla e Noe González: a naturalidade con que están no escenario, a paixón con que interpretan os temas – e o virtuosismo -, a forma cercana, tan cercana e nada impostada coa que falan co público e o fan bailar … oh meu Deus! Xente que toca a Cristo e con corazón! Puro soul e funk que se che activa polas venas, pura corrente alterna e continua, electricidade nos pés … para repetir unha e outra vez e outra e outra … Noe González e Grüvzilla deberían ser esa banda fixa que toca un par de veces ó mes nun local nocturno… seríamos fixos tódalas noites.
COMPARTE ESTE ARTIGO NAS TÚAS REDES
Se clicas nas fotos as verás mais grandes
Letras: Marcos López
Fotos: Marcos Loopez