Setembro 2019 A produtora lucense Microsoños en colaboración con  outros profesionais da cultura e a innovación acaba de poñer en marcha «O Camiño Inmersivo»,  un proxecto cultural baseado no I+D do concepto inmersión, unha nova disciplina artística que converte aos observadores en personaxes dentro dunha historia guionizada, que ten a capacidade de mutar en función das reaccións e perfís dos participantes. Estas experiencias inmersivas están concebidas para ser gravadas, e obter un produto audiovisual de calidade cinematográfica.

O Camiño Inmersivo presenta 6 inmersións ao longo da xeografía galega (a primeira xa tivo lugar en Verín), visibilizando as rutas xacobeas menos coñecidas e distintas realidades no marco da Galicia máxica. Tomando o Camiño de Santiago ao longo dos séculos como fío condutor, as participantes terán a posibilidade real de viaxar no tempo a través das historias que se foron labrando no imaxinario dun pobo.

Enmarcada dentro das actividades vencelladas á promoción do vindeiro Xacobeo 2021, os participantes serán absorbidos como personaxes dunha historia que estará guiada por actores profesionais. Non se poden desvelar os detalles, pero si que coñecerán a un científico tolo, a peregrinos de todas as épocas e incluso ao mesmísimo Alfonso II. Todo está suxeito á   improvisación e calquera pode ser artífice de moitos cambios.

camino-inmersivo

O Camiño Inmersivo

Cada inmersión desglósase en catro partes que se desenvolven en orde cronolóxica. Cada unha delas, desenvólvese nun espazo distinto, ofrencendo variantes únicas para o posicionamento de marcas e produtos.

1. Aparece a máquina do tempo: Os medios fanse eco de que en Galicia acaba de aparecer un misterioso artefacto. Cando se acheguen ata ela, a viaxeira do tempo explicaralles o motivo da súa presenza.

2. Cabina de contexto: Situada no casco urbano da vila, próxima a un albergue. Serve para coñecer a inmersión e as súas fases. Duración: 40 min

3. Porta máxica: Situada nun punto do camiño. Permite vivir unha pequena inmersión, ambientada e guiada, duns 40 minutos.

4. Portal do tempo: Situada nun lugar segredo ao que os participantes son levados previa inscrición. Trátase da GRAN INMERSIÓN, guionizada e dunha duración de 1 hora e 30 minutos..

5. Festa e proxección: Proxección do filme inmersivo nun ambiente relaxado e festivo, no que haberá espazo para actividades complementarias, comida e bebida

equipo camino inmersivo
Equipo do Camiño Inmersivo en Verín. Foto facilitada pola organización.

Próximas datas:

15 de setembro,  Santiago – Festa inmersiva: proxección da película inmersiva filmada en Verín

28 de setembro – Segunda inmersión en A Rúa

+ info no facebook oficial 

Equipo

IAGO DE SANT – DIRECCIÓN

TERESA D. LENZA –  XESTIÓN E PRODUCIÓN

SUSO LÓPEZ –  XEFATURA DE PRODUCIÓN

BRIAN RODRÍGUEZ –  GUIÓN

VANE RIVAS –  DIRECCIÓN DE ARTE

IAGO EIREOS – ARTISTA PLÁSTICO E ARTE

PABLO FERNÁNDEZ – AUXILIAR DE PRODUCIÓN E ARTE

XULIO DÍAZ ANLLO – ASISTENCIA Á DIRECCIÓN E CREACIÓN

PAULA CERMEÑO – COMUNICACIÓN

ANDRÉS HAENSEL – DESEÑO GRÁFICO

MARIO FERNÁNDEZ, HENRIQUE LAMAS – CÁMARA E MONTAXE

ELENCO:

MANUELA VARELA, ANTÓN GARCÍA, SABELA GARCÍA, ROCÍO SOUTO, LUCÍA ANIDO, XULIO DÍAZ, IAGO DE SANT