letrasgalegas

ABRIL  2018 O Día das Letras Galegas 2018 está dedicado á escritora e profesora María Victoria Moreno, pioneira da literatura infantil e xuvenil en Galicia

Unha das moitas actividades programadas é esta expo que percorrerá 11 concellos das catro provincias para darlle a coñecer ao público xeral a obra literaria e a figura de Moreno, entre eles: Lugo.

Esta mostra -pendente de data e lugar en Lugo- está configurada como unha galería de retratos de personaxes dos libros da autora e de paisaxes onde María Victoria Moreno situou as historias das súas obras.

Ademais de convidar a descubrir a obra da autora a través de ilustracións dos seus libros, a exposición ofrece, así mesmo, unha pequena escolma do panorama da ilustración contemporánea en Galicia, da man de artistas como Nuria Díaz, Lucía Cobo, Xan López Domínguez, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, Mari Fe Quesada, Beatriz Lema e Dani Padrón.

 

Cada un dos artistas creou nun panel dúas ilustracións alusivas á personaxe principal da historia e mais ao escenario no que se desenvolve a historia das obras, de aí o nome da mostra. O resultado é unha galería de retratos e lugares que conforman o universo literario da autora. Así mesmo, cada un destes paneis complétase cun fragmento da obra correspondente. A exposición complétase con tres paneis biobibliográficos e dúas vitrinas nas que se ofrece unha escolma de obxectos persoais da escritora, como a súa primeira máquina de escribir, unhas lentes que levou durante anos, o título de licenciada, o bolígrafo co que escribiu as súas derradeiras obras, o manuscrito da obra O cataventos e diversos libros que lle foron dedicados á autora por escritoras e escritores amigos seus, como Xesús Alonso Montero, Fina Casalderrey, Fiz Vergara Vilariño ou Ursula Heinze.

 

Finalmente, a exposición acompáñase do seguinte cuadríptico:

María Victoria Moreno

Licenciada en Filoloxía Románica, (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005), chegou a Galicia no ano 1963 como profesora. Unha década máis tarde, en 1973, publica Mar adiante, considerada unha das obras pioneiras da literatura infantil galega. Ata o seu pasamento, a escritora estivo comprometida co ensino da lingua e da cultura galegas. Cultivou a narrativa –nomeadamente a infantil e xuvenil–, o ensaio, a poesía, os estudos literarios e a didáctica da lingua e da literatura galegas.