Decembro 2019 A Asociación Cultural Contra Corrente organiza en colaboración coa agrupación local de Esquerda Unida a presentación do libro “Ahora contamos nosotras”, da xornalista e escritora Cristina Fallarás, que recolle testemuñas de mulleres que sufriron acoso e violencia sexual. A presentación, con posterior coloquio sobre a violencia sexual cara as mulleres, terá lugar este sábado 14 de decembro ás 12:00h no Salón de Actos do Vello Cárcere.
Contra Corrente e EU organizan este evento con motivo do recente Día Internacional da Loita Contra as Violencias Machistas, que se celebra cada ano o 25 de novembro. “Consideramos necesario ampliar o foco do concepto violencia machista máis aló do maltrato no ámbito da parella sentimental, e reflexionar sobre o machismo cotián que sofren as mulleres en todos os ámbitos, incluido o laboral, no que a cifra de vítimas de acoso sexual é alarmante”, sinala Chus Rodríguez, representante do Consello Local de Esquerda Unida, que presentará o acto. O movemento #Cuéntalo, que deu orixe a este libro, crea unha memoria colectiva das agresións machistas, narradas en primeira persoa.
O libro será presentando pola súa propia autora, a xornalista e escritora Cristina Fallarás, recoñecida defensora dos dereitos da muller. Como novelista ten publicado diversos libros, entre os que salientan as novelas No acaba la noche (2006), Así murió el poeta Guadalupe (2009), Las niñas perdidas (2011), Premio Internacional de Novela Negra L’H Confidencial y Premio Internacional Dashiell Hammett, e Últimos días en el Puesto del Este (2011), Premio Ciudad de Barbastro de Novela Curta, así como as testemuñas en primeira persoa A la puta calle. Crónica de un desahucio (2013)e “Honrarás a tu padre y a tu madre” (2018).