A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, visitou Abrigueiro Estudios, onde se está a gravar a banda sonora da película María Solinha dirixida por Ignacio Vilar, que contará co apoio da área de Cultura para a súa promoción e a difusión na provincia.

O multiinstrumentista Abraham Cupeiro encárgase de poñer a música ao  filme coproducido por Vía Láctea Filmes e Televisión de Galicia, que se  estreará o 15 de maio en salas de todo o país. Os sons dunha corna, unha caracola e un cárnix -a trompeta celta que o músico sarriao converteu no seu instrumento insignia- fían o discurso sonoro da película, unha  revisión contemporánea da lenda de Maria Soliña, construída arredor da  persecución da Inquisición ás mulleres.

A área de Cultura colaborará na promoción da película María Solinha
Fonte da foto: Gab. Com. Cultura Deputación

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, remarcou “o bo momento polo que atravesa o audiovisual galego” e sinalou a “necesidade de aproveitar o vento a favor para apoiar un sector no que moita xente moza  podería atopar unha oportunidade para desenvolver os seus coñecementos técnicos e o seu talento” e “que ten unha gran potencial na
normalización do idioma propio”.

A área de Cultura achegará 4.500 euros á promoción do filme na  provincia, que se concretará nunha preestrea e na presentación da  produción en diferentes centros educativos.

Sinopse

O filme, rodado integramente en galego, conta a historia dun afamado  director chega a Cangas do Morrazo, en Galicia, para reconstruír no  teatro a historia de María Solinha, acusada de bruxería e queimada pola Inquisición no século XVII. A protagonista da obra de teatro vai sufrir,  no século XXI, acedos ecos da agresión que sufriu María Solinha no  século XVII.

Elenco

A actriz Grial Montes, que debuta no cinema, encarna a Maria Solinha no filme que ten no elenco a Laura Míguez, Santi Prego, Mabel Rivera,  Antonio Durán “Morris”, Mela Casal, Alfonso Agra, Fran Lareu, Fernando González, Melania Cruz e Sheyla Fariña.