Lugo Cultural retoma a súa actividade con concertos e curtametraxes
A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, e o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, Jesús Varela Zapata, anunciaron que a programación de Lugo Cultural comezará de novo o vindeiro 25 de xuño, retomando os concertos que quedaron aprazados por mor da crise sanitaria.
LUGO CULTURAL – PROGRAMA «NA BOCANOITE –

XOVES 25 DE XUÑO, 22:30 HORAS
Noite na Domus: Germán Díaz e Celso Rodríguez Cao

XOVES 2 DE XULLO, 20 HORAS
Best Boy Concerto

XOVES 9 DE XULLO, 22:30 HORAS
Noite na Domus: Sólo Voces e Celso Rodríguez Cao

XOVES 16 DE XULLO, 20 HORAS
M.J. Pérez

XOVES 23 DE XULLO, 22:30 HORAS
Noite na Domus: Germán Díaz e Celso Rodríguez Cao

XOVES 30 DE XULLO, 20 HORAS
Agoraphobia

Os e as artistas situaranse na terraza da Casa do Saber, e o público asistirá desde o atrio da catedral.

A entrada aos concertos será gratuíta. Os convites —ata un máximo de 2 por persoa— entregaranse por orde de chegada na Oficina de Cultura o día antes de cada actividade, entre as 10 e as 13 horas. No momento da entrega, será preciso indicar o nome completo e o número de DNI das persoas que van asistir, dato que se comprobará o mesmo día da actividade, para poder acceder ao concerto.

Aforo limitado a 86 cadeiras.

MODIFICACIÓNS EN CASO DE CHOIVA:

-Os concertos trasladaranse á Casa do Saber.

-Dividiranse en dúas quendas de 30 minutos:

-Na primeira quenda (ás 19:30 horas) accederán as entradas desde a núm. 1 á 43.

-Na segunda quenda (ás 21 horas) accederán as entradas desde a núm. 44 á 86.

«Na Bocanoite», nome da programación cultural resultante da fusión dos ciclos aprazados «Lubicán» e «Noites na Domus»,  responde a unha solución de emerxencia a través da que USC, Concello e Deputación de Lugo pretenden dar continuidade á programación do Lugo Cultural, xerar actividade e emprego os traballadores e traballadoras da industria cultural, ademais de ofrecer ao público interesado a oportunidade de gozar de espectáculos artísticos de balde, sempre coa máxima seguridade e respecto á normativa sanitaria vixente.

A programación inclúe un abano de concertos de música ao vivo e visitas virtuais musicadas ao xacemento mitraico que se desenvolverán todos os xoves desde o 25 de xuño ata o 30 de xullo na terraza da Casa do Saber e o público asistirá desde o atrio da catedral.

O primeiro dos espectáculos programados ao abeiro de ‘Na Bocanoite’ desenvolverase o 25 de xuño, a partir das 22.30 horas, cando o arqueólogo Celso Rodríguez Cao, acompañado da música de zanfona de Germán Díaz, conducirá, coa axuda de imaxes proxectadas na fachada lateral da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, unha visita virtual a través da historia e dos restos achados na escavación do xacemento mitraico actualmente musealizado.

Esta sesión histórico artística será replicada o 9 de xullo, data na que está previsto que o grupo Solo Voces acompañe coa música as explicacións arqueolóxicas, e ofrecerá o 23 de xullo unha terceira entrega, na que os protagonistas volverán ser o responsable das escavacións arqueolóxicas realizadas no solar, que, entre outros achados e vestixios arquitectónicos, agochaba unha ara e un templo adicado ao deus Mitra, e o músico Germán Díaz, “unha voz singular cun son plural”, que, en palabras do crítico musical Carlos Pérez Cruz, faculta a este compositor “para emocionar e manter a respiración co que crea”.

Fonte da foto: Gab. Com. Lugo Cultural

A música de Best Boy soará ao vivo desde a terraza da Casa do Saber de Lugo o 2 de xullo no marco dun concerto que comezará ás 20.00 horas e no que a banda liderada por Ángel Sánchez e Lucas Fernández presentará en Lugo os temas do álbum ‘Cross the border’. Chegados en 2016 desde Tui, O Porriño e Vigo, e xa consolidados como unha revelación da escena musical galega, Best Boy amosa neste traballo influencias diversas que van desde o blue grass, o funk máis clásico, desde o soul da motown ata o rock
sureño, o pop u jazz, entre outras.

A cantautora arzuá MJ Pérez repite este verán no cartel da programación do Lugo Cultural e subirá o 16 e xullo ao escenario habilitado na azotea da Casa do Saber para ofrecer, a partir das 20.00 horas, ao público lugués as composicións incluídas no seu último traballo, ‘A Luz Prendida’, así como outras pezas senlleiras dun repertorio cada vez máis amplo e que xa suma varios discos. O cuarto álbum de MJ Pérez, o segundo de
estudio, é un disco de 15 temas no que a luz é protagonista, presente de forma constante ao longo de todo o traballo.

‘Na Bocanoite’ chegará ao seu colofón o 30 de xullo cun espectáculo sonoro a cargo da banda boirense Agorophobia, unha formación integrada por catro rapazas influenciadas polo punk rock e que nos últimos catro anos xa se ten consolidado como un dos
estandartes da música galega. O concerto de Agorophobia comezará ás 20.00 horas.

Lugo Cultural retoma a súa actividade con concertos e curtas
Recollida de entradas

As limitacións de aforo estipuladas pola normativa sanitaria vixente esixen regular o acceso de público aos espectáculos programados a través do despacho de entradas numeradas, que posibiliten contabilizar os espectadores, que poderán situarse nas butacas instaladas nun adro da catedral luguesa convertido en escenario.

As persoas interesadas en acudir como público a calquera dos espectáculos programados deberán recoller o día antes de cada actuación as entradas, que se despacharán de balde nas oficinas da Área de Cultura sitas no edificio da Vicerreitoría de Coordinación do
Campus de Lugo en horario de 10.00 a 13.00 horas. No caso de choiva os espectáculos desenvolveríanse no auditorio da Casa do Saber. Dado que a capacidade destas dependencias universitarias son limitadas e a fin de cumprir coa legalidade, os organizadores de ‘Na Bocanoite’ adaptaron os espectáculos a dous pases de media hora.

As entradas do 1 ao 43 accederían ao primeiro pase, programado para as 19.30 horas, e do 44 ao 86 poderían acceder á segunda sesión, prevista para ás 21.00 horas.

Findecurta

Outra iniciativa de Lugo Cultural que se volve poñer en marcha é o certame audiovisual Findecurta, que terá lugar entre o 26 e o 29 de xuño. Posteriormente celebrarase a proxeción das curtas participantes,na que os asistentes poderán votar pola súa obra favorita. As curtas elixidas tanto polo público como polo xurado participarán na 42ª Edición da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, competindo polo Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega.

“Neste momento, máis que nunca, é importante axudar as novas e os novos creadores, apoiar e potenciar o seu talento, por iso é importante que tamén cheguen ao público. Findecurta é un desafío, os traballos debe incorporar as enxeñosas normas e requirimentos dados pola organización, co obxectivo de potenciar a creatividade e tamén de pasalo ben e desfrutar da experiencia”, destacou a vicepresidenta.