O maratón audiovisual Findecurta desenvolverá a súa quinta edición durante a fin de semana do 26 ao 29 de xuño
A inscrición no certame organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural permanece aberta ata o o 25 de xuño no enderezo electrónico cultura.lugo@usc.es . Os dous traballos gañadores proxectaranse na Semana de Cine de Autor de Lugo
A USC mantén aberto ata o venres 25 de xuño o prazo de inscrición na quinta edición do do maratón audiovisual Findecurta, un certame impulsado desde a Oficina de Cultura do campus de Lugo da USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural que se desenvolverá do 26 ao 29 de xuño. As persoas interesadas en tomar parte neste programa deben remitir antes das 13.00 horas do próximo venres a solicitude de inscrición cumprimentada, que está accesible na web www.lugocultural.gal , ao enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es . Tamén se pode solicitar máis información a través dos números de teléfono 982 821 513 ou 649948266
O certame coordinado por Bruno Maez pretende dar resposta ás inquedanzas de novos creadores audiovisuais en galego, ao tempo que se busca ofrecer unha plataforma para facer visible o seu traballo. As bases polas que se rexe esta iniciativa cinematográfica, que tamén está aberta a participación de menores de 18 anos sempre e cando conten coa autorización de pais ou titores/as, están accesibles na web ww.lugocultural.gal .
Unha vez rematado o período habilitado para formalizar a inscrición, todas as persoas rexistradas para tomar parte no V Findecurta deberán participar na sesión informativa que se desenvolverá o mesmo venres 26 de xuño, a partir das 20.30 horas, na plataforma Zoom. Este primeiro encontro permitirá aos organizadores do certame dar a coñecer o reto ou, o que é o mesmo, indicar as condicións que deberán aparecer ou estar incluídas na curtametraxe.
O briefing previo ao comezo da V Findecurta permitirá, do mesmo xeito que en edicións anteriores, coñecer as persoas que concorren como participantes individuais e non forman parte de ningún grupo. As persoas que non teñan equipo poderán formar un grupo entre elas ou incorporarse aos xa existentes, se o estiman oportuno. Cada un dos grupos inscritos estará representado nesta sesión por unha persoa debidamente acreditada.
O tempo oficial para a realización da curta será desde as 21.00 horas do venres 26 ata as 10.30 horas do luns 29, hora e data límite para remitir as curtametraxes presentadas a concurso ao enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es . Os arquivos de vídeo deberán enviarse a través de Wetransfer ( https://wetransfer.com ), Smash (https://fromsmash.com/) ou SendGB ( https://www.sendgb.com ). A curtametraxe entregarase nun ficheiro dixital en formato .mov ou .mp4 en 720p ou 1080p codificado en H.264 a 24 ou 25 fps co son codificado en AAC e un peso total que non supere os 2
GB. O idioma das curtas debe ser o galego.
Proxección das curtas e fallo do xurado
O xurado encargado de fallar os gañadores do V Findecurta está formado por personalidades de recoñecido prestixio no ámbito cinematográfico que, atendendo a criterios de creatividade, calidade técnica e cumprimento dos criterios, seleccionará a obra premiada. O fallo do galardón farase público ao remate dunha sesión pública durante a que se proxectarán todos os traballos e cuxa data aínda está sen fixar. Ao remate desta sesión, o público presente tamén poderá votar a proposta que consideren mellor.
Os organizadores deste programa a prol do audiovisual e das novas creacións agasallarán con 500 euros a proposta máis valorada polo xurado. Asemade, a curta gañadora e a seleccionada por parte do público tamén serán proxectadas no marco da próxima edición da Semana Internacional de Cine de Autor, un certame promovido polo Grupo Cinematográfico Fonmiñá e no que os traballos do V Findecurta competirán polo Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega.