Con motivo do inicio da XLII Semana de Cine de Lugo, que organiza o Grupo Fonmiñá, veñen de abrirse na Biblioteca provincial as mostras LUIS TOSAR e LIBROS DA SEMANA DE CINE.
Participaron no acto a Xefa tertitorial de Cultura da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez, o Vicerreitor de Cultura da Universidade Jesús Varela Zapata, e por parte de Fonmiñá, Eduardo Rodríguez Ochoa, responsable de Fotografía; José Manuel Guisasola, administrador, e Xulio Xiz, Presidente.
A exposición LUIS TOSAR é un percorrido pola filmografía do gran artista lucense, xa anteriormente homenaxeado nas Semanas de Cine, do que neste ano se quixo deixar constancia da súa traxectoria fulgurante, sendo esta homenae un “suma e segue” na traxectoria deste actor, e do seu vencello co cine e coa cidade de Lugo.
Esta exposición está composta por seis prismas triangulares con ampla información literaria e gráfica da traxectoria e do especial momento que vive o actor.
Os libros da Semana
20 son os libros que, na actualidade, compoñen a Biblioteca da Semana de Cine de Lugo. A súa publicación iniciouse en 2005, e estes días vanse publicar os dous últimos volumes. Sexan en homenaxe a diversos autores, sexan estudos sobre o cine e a fotografía na provincia de Lugo, vaise conformando unha biblioteca que estimamos esencial para adentrarnos na fecunda relación entre o cine e as terras lucenses.
Estes son os vinte títulos que, por agora, conforman a colección:
2005.- PRUDENCIA GRIFELL, unha lucense no cine de ouro mexicano
2006.- CARMEN CORREA, do Queirogal ao Cine
2007.- FRANK BRAÑA, morrer con dignidade no cine
2008.- UN LUGO DE CINE
2008.- EU SON O CABALEIRO DE PARÍS
2009.- EDUARDO FAJARDO, o vilán do cine español
2010.- ENRIQUE MUÍÑO, o gaucho galego
2011.- ANTONIO CASAL o home corrente da mirada tenra
2012.- RICARDO NÚÑEZ, o emperador da simpatía
2013.- RODADO EN LUGO
2014.- MANUEL LOURENZO
2015.- MERCEDES CORA, de Monte Cubeiro a Monte Parnaso
2017.- CINE MONDOÑEDO
2018.- ROSARIO DURCAL, a artista lucense que triunfou en México
2018.- 40 SEMANAS DE CINE EN LUGO
2019. ANTONIO MOURELOS
2019.- A FOTOGRAFÍA LUCENSE. Da Agrupación a Fonmiñá
2019.- 41 SEMANAS, 41 CARTEIS
2020.- LUIS TOSAR, O DESCOÑECIDO MÁIS COÑECIDO.
2020.- ORIXES E CONSOLIDACIÓN DA FOTOGRAFÍA EN LUGO
Como complemento da mostra, figuran tamén os diversos carteis que anunciaron a Semana de Cine de Lugo desde os comezos en 1979 ata a actualidade, publicados os 41 primeiros no libro 41 SEMANAS, 41 CARTEIS, que de novo se vai poñer ao dispor do público acompañado dun exemplar do cartel do presente ano.