Badaladas por mulleres para lanzar unha mensaxe contra a violencia de xénero

Entre as actividades en Lugo polo #25N están as propostas pola área de cultura da Deputación, e unha delas, «Badaladas por mulleres» tivo lugar onte no Pazo de San Marcos. A performance musical coordinada por Branca Villares contou coa colaboración da Tradescola e do Colectivo Glovo, unha performance na que música tradicional e danza contemporánea confluíron para chamar á reflexión sobre os mecanismos de normalización das violencias machistas e das desigualdades entre homes e mulleres.

 

No espectáculo, coordinado por Branca Villares, o coro de canto tradicional e percusión da Tradescola, acompañado polos músicos Pablo Pintor e Alis Martínez e polos bailaríns de Colectivo Glovo, interpretou pezas do cancioneiro tradicional e popular que “poden supoñer apoloxia da violencia contra as mulleres ou que dalgún xeito contribuén a perpetuala e a normalizala”.

“Non consiste en censurar nin xulgar o patrimonio herdado senon de promover unha reflexión conxunta e continuada sobre os contextos nos que esta cantigas xurdiron e nos que hoxe os interpretamos”, explica Branca Villares sobre o espectáculo, co título “Badaladas por mulleres”. A performance pon en escena o resultado das labores de revisión do cancioneiro tradicional que a mestra de música tradicional ven desenvolvendo nas súas aulas, nas distintas comarcas, nos últimos catro anos.

Baixo o lema «Cultura contra a violencia de xénero. Cultura pola igualdade» a próxima actividade é a proxección de «Nación», 29 de novembro, ás 18 horas, no salón de Actos do Pazo de San Marcos. Visionado do filme e coloquio coa directora Margarita Ledo Andión. Inscrición previa gratuíta en cultura@deputacionlugo.gal