Repasamos os fitos do ano das artistas lucenses
SARA GARCÍA
Co gallo do remate do ano, quixemos lembrar aquí algúns dos feitos máis destacados no ámbito da cultura nun ano no que sobresaíu especialmente o talento das nosas artistas e mulleres lucenses, acadando diferentes premios e homenaxes en tan diversas categorías como a literatura, a música, o cinema ou a artesanía.
Comezabamos o ano coa nova do celebradísimo Goya de Benedicta Sánchez, a veciña de O Corgo de 84 anos que recibiu o Premio Goya como Mellor Actriz Revelación 2020 polo seu papel na película fito do cinema galego recente, O que arde, do aclamado director lucense Óliver Laxe —ao que tivemos a honra de entrevistar hai cousa dun ano—.
Todas chimpamos do asento cando lle deron o Goya a Benedicta. Un Goya para O Corgo e tamén para Lugo, onde foi especialmente celebrado ao longo deste ano, con institucións como a Deputación de Lugo ou A Semana de Cine de Lugo rendendo homenaxe a esta gran muller e actriz lucense.
Outra luguesa do mundo do cinema galardoada este ano foi Margarita Ledo. A cineasta e escritora de Castro de Rei foi homenaxeada co Premio Cineuropa 2020 por unha traxectoria que a consolida como referente no cinema galego, con obras tan senlleiras como Santa Liberdade (2004) ou A cicatriz branca (2012) entre outras.
A esta filmografía súmase agora Nación, o seu novo filme polo que recibiu tamén este ano o premio especial á mellor dirección de filme español no Festival de Sevilla. Unha película que é todo un alegato ás mulleres e traballadoras galegas, e polo que foi avalada co premio Luís Villalta da Deputación da Coruña como referente de proxecto audiovisual pola igualdade.
Dende a produtora esperan estrear en salas en marzo do 2021, ao redor do día 8 coincidindo co Día Internacional da Muller.
E o terceiro deste trío de ases do cinema lucense encarnaríao Melania Cruz. A actriz, gañadora de dous premios Mestre Mateo e un María Casares, recibiu este ano o Premio Cinema Galego do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu pola súa traxectoria profesional.
Melania Cruz vén de estrear Ons, a nova película galega que está a arrasar nos cinemas e que podedes ver aínda nas salas do Codex, ademais de participar noutros filmes galegos estreados no 2020 como María Solinha e Arima, e mesmo en proxectos de directores lucenses galardoados nos últimos anos como Trote e Dhogs. Ao mesmo tempo, Melania segue facendo teatro en obras como O empapelado amarelo e vímola recentemente en series galegas como A estiba e Serramoura.
E do cinema pasamos á música. Outra das artes nas que as mulleres lucenses amosan ao mundo o seu talento. Como é o caso da cantautora e poeta Laura LaMontagne, a que dende este medio deramos en
bautizar como a futura diva da movida lucense e que xa é toda unha realidade.
O dúo Laura LaMontagne & PicoAmperio foi galardoado este ano 2020 polos Premios Martín Códax da Música na categoría de músicas urbanas. Un proxecto que Laura LaMontagne comezou co dj PicoAmperio en xullo de 2019 e cuxa proposta musical transita entre os campos sonoros do folclore
galego-portugués e os ritmos electrónicos e ambientes provocados por loops, sobre os que Laura canta poemas propios ou adaptacións de Rosalía de Castro, Lorca, Martín Códax ou Luz Fandiño.
Tamén foi recoñecido este ano o grupo musical Batuko Tabanka co galardón de Mestras da Memoria 2020 que outorga a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e cuxa habitual gala se celebrou en Lugo o pasado mes de outubro. Este premio á formación mariñá, integrada por mulleres de Cabo Verde residentes en Burela, recoñece o mérito destas mulleres por conservar e promover a súa música e cultura popular.
O seu proxecto, con máis de vinte anos de traxectoria, serviulles para participar en numerosos festivais e programas de televisión, así como protagonizar documentais e mesmo ofrecer concertos fóra do país. En 2009 gravaron o seu primeiro disco Djunta mô (xuntar as mans, axudarse unhas a outras), para o que contaron coa colaboración de recoñecidas músicas galegas como Uxía e Mercedes Peón.
Outra artista burelá premiada no último ano foi a escritora Antía Yáñez, que acadou o III Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade co seu libro Plan de rescate, o cal acaba de saír publicado en Xerais con ilustracións de Xiana Teimoy.
Antía Yáñez é autora de obras como Be Water (2019) e Senlleiras (2018); moitas delas ambientadas en Lugo e na súa provincia, como a súa primeira novela O misterio de Portomarín (2016) ou O misterio do torque de Burela, co que participou no noso EscapARTE fest literario ofrecéndonos un anaco da súa lectura e que deixamos no seguinte extracto de vídeo.
Outra escritora recentemente galardoada foi Raquel Vázquez, quen ademais foi a encargada de acender o alumeado de Nadal deste ano. A poeta lucense vén de gañar o Premio ‘El Ojo Crítico’ de RNE de Poesía 2020 pola súa obra Aunque los mapas, onde crea unha «xeografía sentimental no que se abren distintos camiños, dende o puramente confesional ao social” e coa que xa levara o Premio de Poesía Loewe a la Creación Joven 2019.
Raquel Vázquez publicou outros poemarios como El hilo del invierno (2016), Lied de lluvia para una piel ausente (2014) ou Luna turbia (2013), entre outros. Varios dos títulos xa foron premiados con galardóns á creación xove, como o Premio Gloria Fuertes de Poesía Joven ou o Premio de Poesía Granajoven. No
ámbito da narrativa, publicou tamén unha novela e dous libros de contos.
En canto á artesanía, destaca o traballo do obradoiro de traxe tradicional Traxandaina, de Teresa Astorgano e Antón Sanjurjo, que vén de acadar o Premio Artesanía de Galicia 2020 pola súa peza «Tesouro aldeán», unha capa inspirada nos mantos e mantelas da provincia de Lugo, en concreto nunha lensa antiga atopada en Portomarín.
Este taller artesán lucense naceu co obxectivo de preservar e poñer en valor a cultura tradicional e as vestimentas das zonas do rural e da montaña de Lugo. Habitualmente nas festas do San Froilán, Traxandaina conta cun espazo propio no Cantiño Nemesio Cobreros, nunha carpa na que expoñen os seus traxes tradicionais e onde acollen diversos talleres infantís e actuacións musicais arredor da cultura tradicional.