Di Miguel Blanco, programador dos Codex, que «esta é unha das mellores semanas da historia de Codex Cinema, con estreas de filmes de dous dos mellores cineastas da actualidade, Nobuhiro Suwa e Mohammad Rasoulof, multipremiados en festivais, e o último pase de Mulholland Drive» e o que di Miguel sobre cinema é recomendación a seguir 100% fiable.
Este venres chega a Codex Cinema unha das grandes películas dos últimos anos. O teléfono do vento de Nobuhiro Suwa, presentouse no festival de Berlin de 2020 e tivo que agardar máis dun ano a súa estrea por motivo do coronavirus e a difícil situación que están a atravesar as salas de exhibición cinematográfica en España.
Nobuhiro Suwa está considerado o mellor cineasta xaponés dos últimos vinte anos. Despois de acadar fama no seu Xapón natal, especialmente grazas ao filme H Story, onde un director de cine trataba de facer un remake de Hiroshima mon amour de Alain Resnais, Suwa trasladouse a Francia, onde filmou: Un couple parfait, variación de Viaggo in Italia de Rossellini, Yuki & Nina e O león durme esta noite, estreada en España pola distribuidora galega Numax.
O teléfono do vento significa o regreso deste autor fundamental ao seu pais de orixe e faino cunha película prodixiosa sobre un dos dramas máis terribles que viviu Xapón desde a segunda guerra mundial. Suwa, nado en Hiroshima, comentou moitas veces o que lle afectou na súa vida nacer e crecer
nunha cidade destruída polas bombas atómicas que os Estados Unidos lanzaron contra a cidade.
Poucos directores máis adecuados para filmar outra traxedia: as consecuencias devastadoras do terremoto e posterior tsunami que asolou Xapón, e especialmente Fukushima en 2011. Mais Suwa non fai un filme de catástrofes, senón un drama íntimo dunha adolescente, Haru, que leva unha vida
normal en Hiroshima tras perder a toda a súa familia anos atrás na traxedia.
Sen embargo, un suceso traumático trae toda a súa dor ao presente e decide iniciar unha viaxe para reencontrarse cos seus recordos. Este traxecto simbólico, de Hiroshima a Fukushima, da traxedia do propio Nobuhiro Suwa á da súa protagonista, marca unha película que vai tratando, en forma de fascinante road movie, toda unha serie de temas de actualidade, culturais e sociais, sobre a historia de Xapón.
Suwa consegue captar a sensibilidade de toda unha xeración de mozas e mozos adolescentes que viviron o tsunami na súa infancia e que tiveron que continuar coas súas vidas como se nada pasase. Unha película sobre o loito, individual e colectivo, sobre a impotencia fronte ao paso do tempo e a
perda dos seres queridos. Sen un gran presuposto, Suwa consegue o seu particular filme épico sobre todo un país secuestrado polos seus recordos.
No festival de Berlín no que se presentou O teléfono do vento, a gañadora do Oso de Ouro á mellor película foi A vida dos demáis, filme do cineasta iraniano Mohammad Rasoulof que estrea tamén este venres en Codex Cinema. Xunto a Jafar Panahi e Asghar Farhadi, Rasoulof é un dos nomes máis importantes da cinematografía iraniana, que perdeu hai poucos anos ao seu gran referente, Abbas Kiarostami.
Cun estilo lonxe do que se espera dun filme dese país, Rasoulof ofrece un retrato contundente sobre a ausencia de liberdade e a persecución política levada a cabo polo réxime dos Ayatollah.
Cunha narración fascinante, Rasoulof ofrece un filme coral onde diferentes historias se mesturan mostrando diferentes aspectos da realidade política e social do país. Estamos ante un thriller político poliédrico e complexo, sen un segundo de pausa e sen caer na acción banal. O cineasta, perseguido polo réxime debido á súa acción social e as críticas da súa anterior obra, Os manuscritos non arden, tivo que rodar parte deste filme en arresto domiciliario, situación na que aínda se encontra a día de hoxe
Continúa o ciclo Universo David Lynch
Despois de Mulholland Drive e Cabeza borradora, chega a terceira entrega da retrospectiva dedicada a David Lynch con O home elefante, se cadra un dos filmes de aires máis clásicos do cineasta. O filme narra a historia real de Joseph Merrick, un cidadán inglés que desenvolveu graves malformacións físicas e tivo que vivir toda a súa vida marcado polas humillacións e o desprezo de gran parte da sociedade da época