O próximo domingo día 14 de novembro máis de cincocentas salas de cinema de autor de todo o continente reivindicarán o cine europeo.
O filme elixido para conmemorar esta data nos Codex Cinema é Quién lo impide, a cinta de Jonás Trueba onde o cineasta madrileño propuxo a un grupo de rapaces unha experiencia única: filmar o seu paso da adolescencia á madurez ao longo de varios anos, desde os quince ata que acadan a maioría de idade.
Un filme que mestura habilmente documental e ficción, traspasando xéneros e metodoloxías, dunha forma fresca e única, máis unha vivencia que un filme.
A película presentouse no festival de Donostia con grande éxito de crítica e público. O xurado oficial distinguiu ao seu elenco de rapaces co premio á mellor interpretación. Se ben estamos ante unha película inusual, polo seu tratamento e pola súa duración (case catro horas), Codex Cinema non quixo deixar pasar a ocasión de ofrecer a oportunidade única de ver este filme nas salas. Só haberá un pase especial o próximo domingo 14 de novembro.
Xa dentro das estreas regulares de cinema, este venres chega tamén A ruleta da fortuna e da fantasía, de Ryusuke Hamaguchi, un dos grandes narradores do cinema contemporáneo.
Despois de ser mundialmente aclamado coa súa maxistral Happy Hour, este cineasta xaponés leva unha das carreiras máis coherentes e xeniais da actualidade, con coidadosos melodramas sobre os grandes problemas das sociedades actuais. A súa habilidade para narrar historias reais e inusuais ao mesmo tempo, así como para escribir longos diálogos que os seus actores expresan con gran naturalidade, fai que o seu cinema consiga a mesma sensación de estar lendo unha gran novela.
A ruleta da fortuna e da fantasía é un filme episódico onde asistimos a tres historias diferentes sobre as relacións humanas e as intimidades. Na primeira, unha conversa entre dous amigas nun taxi, onde unha delas lle fala a outra dun encontro amoroso, esperta nela sentimentos xa esquecidos. Na segunda, un rapaz quere vingarse dun profesor que o humillou obrigando á súa amante a seducilo. E na terceira, unha muller acude a unha reunión de antigas amigas de instituto nun futuro alternativo onde non existe internet nin as redes sociais e alí soña con atopar á rapaza da que estivo namorada.
Historias de desexo e soidade, de personaxes que viven absorbidos polo rápido decorrer do mundo contemporáneo e onde a tecnoloxía parecer ter substituído ás relacións sociais. Pese a todo, o cinema de Hamaguchi, gran humanista, rescata a emoción e a pureza dos sentimentos, cun estilo
memorable na que sen dúbida é unha das grandes películas deste ano.