A Real Academia Galega de Ciencias e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), organizan do 15 ao 24 de novembro un ciclo de conferencias sobre a dixitalización do sector agrario en Galicia
Enxeñeiros Agrónomos, de Montes, de Telecomunicacións, veterinarios e informáticos do eido público e privado falarán de estratexias e plans e de aplicación de tecnoloxías no sector agroforestal
Desenvolverase en formato mixto –presencial no salón de actos da Deputación provincial de Lugo e por streaming– de 19 a 21 horas

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), celebrarán do 15 ao 24 de novembro en formato mixto: presencial, no salón de actos da Deputación de Lugo, e telematicamente a través da canle de Youtube da RAGC, en horario de 19:00 a 21:00 horas o XXXII ciclo Luis Asorey, centrado nesta edición de 2021 na “Dixitalización do sector agrario en Galicia” con conferencias nas que se irán abordando as estratexias autonómica, nacional e europea e as referentes á modernización tecnolóxica dos subsectores agrícola, gandeiro e forestal, e do rural en xeral, a través de fórmulas como as “Smart farmings” ou as aldeas intelixentes. Tamén se exporán casos de éxito en relación coa dixitalización do sector.

Para este ciclo, coordinado polo doutor enxeñeiro de Montes, catedrático da USC, novo presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e membro numerario da RAGC, Antonio Rigueiro, a inscrición é gratuíta. O ciclo está recoñecido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia como actividade de formación do profesorado non universitario.

Rigueiro explica que o obxectivo do ciclo é trasladar aos asistentes información actualizada sobre as estratexias europea, española e galega de dixitalización do sector agrario, os plans de dixitalización nos subsectores agrícola, gandeiro e forestal, o uso de drons e robots na xestión agrícola, gandeira e forestal en Galicia, os plans de explotacións intelixentes e sobre pobos intelixentes no rural galego, así como algúns casos prácticos de éxito de dixitalización no sector agroforestal en Galicia.

O ciclo vai dirixido preferentemente a técnicos que traballan no sector agrario, tanto na Administración como no ámbito privado, e profesores e estudantes das titulacións universitarias e preuniversitarias de carácter agrario, pero tamén a técnicos relacionados cos aparatos e mecanismos que se utilizan na dixitalización (enxeñeiros electrónicos, enxeñeiros de telecomunicacións ou enxeñeiros industriais) e a alumnos e profesores das titulacións universitarias e preuniversitarias correspondentes.

O prazo de INSCRICIÓN para participar gratuitamente en todas as conferencias xa está aberto.