Unha das grandes candidatas aos Óscar nos Codex: "O contador de cartas" de Paul Schrader
Chega a Codex Cinema «O contador de cartas», o último traballo de Paul Schrader, un dos guionistas e cineastas que mudaron para sempre o cinema americano nos anos 60 (firmou o guión de Yakuza de Sidney Pollack, os de Obsesión de Brian de Palma e Taxi Driver, o famoso filme de Martin Scorsese)
Serían as súas colaboracións con Martin Scorsese as que darían fama a Schrader, que paralelamente a súa carreira na escritura desenvolvería unha filmografía como cineasta: American Gigolo con Richard Gere, Cat People con Nastassja Kinski e música de David Bowie; Mishima, sobre o intelectual xaponés …
O contador de cartas é o seu celebradísimo último traballo. Presentada no Festival de Venecia o pasado setembro, a película parece na grella de saída para ser unha das candidatas aos próximos Óscar de Hollywood, tanto a mellor película como con premios individuais para Schrader como guionista e director ou Oscar Isaac como actor.
A historia do filme xira arredor dun antigo interrogador dunha prisión militar americana reconvertido a xogador profesional de cartas, focalizado no seu perfeccionismo. Este camiño á perfección é moi habitual nos antiheroes do cinema de Schrader, desde o Travis Bickle de Taxi Driver, os protagonistas
dos filmes de Schrader son homes obsesionados cunha tarefa a realizar, sexa esta importante ou non.
En O contador de cartas hai unha grande depuración formal ao tempo que un retrato marabilloso dos ambientes de festas, veladas e encontros de xogadores profesionais de cartas, Schrader converte cada intercambio de farois dun xogo nun combate dramático.
Paxaros encarcerados: a loita polos dereitos civís na Suíza dos anos oitenta
Desde Suíza chega Paxaros encarcerados, un thriller sobre a historia real de Walter Sturm, un famoso delincuente que durante anos desafiou ao sistema conseguindo fuxir da cadea ata en nove ocasións. Este extraordinario feito fixo que acadara gran fama entre a poboación suíza que pese aos seus delitos consideraba a este home unha especie de Robin Hood moderno.
A historia da vida de Sturm (finado en 1999) lévase á pantalla nun habilidoso thriller xudicial onde o carismático rei das fugas está interpretado de forma brillante por Joel Basman e onde se explica con gran acerto como a loita pola súa liberdade derivou nunha loita colectiva polos dereitos de todos.