O Museo de Lugo incorpora nove pranchas de gravados de Prieto Nespereira
As pezas, cedidas por Ángel Patricio Rodríguez Argibay, complementan o discurso expositivo da sala monográfica dedicada ao gravador ourensán
O Museo de Lugo vén de recibir novas obras do gravador ourensán Xulio Prieto Nespereira (Ourense, 1986- Madrid, 1991).
Trátase de nove pranchas de cinc realizadas entre os anos 40 e 70 do século XX por Prieto Nespereira, cedidas por Ángel Patricio Rodríguez Argibay.
Concretamente, engádense aos fondos do museo dúas pranchas gravadas e asinadas polo autor, unha de 16,4 x 10 cm e outra de 25 x 31 cm, así como sete pranchas de cinc orixinais con motivos diversos e distintos formatos.
Estes bens xa se poden ver na sala 25 do MPL, un espazo monográfico dedicado ao autor dentro da sección de Debuxo e Gravado Galego que se pode visitar no primeiro andar.
A Sala Prieto Nespereira permite coñecer todas as etapas da súa evolución dende a paisaxes fantásticas da primeira época influídas polo rico imaxinario galaico como O Peto das bruxas, as paisaxes naturalistas galegas como Praza do Campo, Camino de Covas, Santiago de Compostela, nas que segué o ronsel de Castro Gil, ata a produción non imitativa dos últimos anos.
Xulio Prieto Nespereira
(Ourense, 1896-Madrid, 1991)
O artista ourensán Xulio Prieto Nespereira foi fundamentalmente gravador, aínda que tamén cultivou a pintura e a escultura.
Creador dunha obra longa e fecunda, Prieto Nespereira comeza a súa incursión no mundo do gravado en 1921 e algúns estudosos da súa obra distinguen cinco etapas na súa evolución estética. Unha traxectoria que o leva dende as formulacións figurativas, naturalistas e galeguistas da primeira e a segunda etapa (ata 1950) deica a procura da abstracción da última (1962-81) pasando entre 1950 e 1962 polos seus ensaios de nova figuración bascados nunha esquematización de raizame cubista e nun último momento en ensaios dun forte expresionismo.
A súa actividade como gravador é a propia dunha personalidade inqueda e activa que a cada paso vai dotando a súa obra dunha impronta máis persoal, avanzando na procura de novas técnicas e texturas e novas temáticas (series ñas que afonda sobre asuntos concretos: peixes, bodegóns, o misterioso mundo das pinturas negras de Goya polas que chegou a interesarse intensamente…).
Por outra parte o seu traballo de promoción e desenvolvemento do gravado foi impresionante: Fundou con Castro Gil e outros o grupo «Los 24» e formou parte da Asociación Española de Artistas Gravadores e dos Salóns do Gravado, onde suceden como director a Castro Gil.
Maite Ferreiro agradeceu a xenerosidade de Ángel Patricio Rodríguez Argibay, que coa súa achega permite ampliar e complementar o discurso expositivo da sala monográfica Prieto Nespereira, creada a finais dos
oitenta con obras doadas polo propio autor ao Museo de Lugo, dezanove gravados realizados coa técnica do augaforte e unha escultura