A primeira estrea desta semana en Codex Cinema é Onoda, 10.000 noites na xungla. O director francés Arthur Harari aborda a polémica biografía de Hirō Onoda, último soldado xaponés que se rendeu, tralo fin da Segunda Guerra Mundial, no tardío ano de 1974.
Galardoada no Festival de Sevilla co Gran Premio do Xurado e o Premio ao Mellor Guión, gañadora do Premio ao Mellor Guión nos César 2022 e seleccionado como filme inaugural da sección Un Certain Regard no Festival de Cannes 2021 Onoda, 10.000 noites na xungla terá un par de pases especiais en Codex.
A figura de Onoda goza de importancia na cultura popular pola singular ousadía que o soldado amosou ao non aceptar a derrota durante tanto tempo.
De tanto en tanto xorden polémicas en torna á figura de Onoda. Trátase dun heroe? Foi unha vítima de tácticas psicolóxicas extremas durante guerra? O fantástico filme de Harari adopta unha distancia serena, respectuosa e naturalista para que o espectador decida como xulgar a particular historia deste persoeiro.
A segunda estrea desta semana é Onde está Anne Frank?, agardado novo filme de animación do israelí Ari Folman tras conquistar o corazón dos espectadores de todo o mundo coas súas anteriores películas, Vals con Bashir (2008) e O congreso (2013).
Detrás desta singular abordaxe da tráxica historia da rapaza xudía está a Fundación Ana Frank de Basilea quen propuxo a Folman que escribira o guión e fixera a película, a cal presentouse fóra de concurso durante o pasado festival de Cannes.
Onde está Anne Frank? traza un diálogo que abarca oitenta anos de historia, dende o Holocausto ata o presente.
O filme sitúa na Ámsterdan actual a Kitty, a amiga imaxinaria a quen Frank lle adicou o seu diario, quen pensa que ao estar ela viva, Frank tamén o estará.
Desta maneira comeza un percorrido a través de Europa na procura da rapaza no cal teremos ocasión de observar de maneira crítica a percepción turística á que en ocasións está sometida unha páxina tan escura da historia como foi a shoah, coñecer a situación de clandestinidade que teñen que afrontar día tras día milleiros de inmigrantes en situación de ilegalidade ademais de desfrutar, por primeira vez na historia, do célebre diario de Ana contado integramente en imaxe animada.
Un filme comprometido, necesario e valente que poderemos desfrutar en Codex tanto en versión orixinal titulada como dobrado ao castelán.
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte