A primeira estrea desta semana en Codex é «Cinco lobitos». Película que tivo un triunfal paso polo recente Festival de Málaga onde conseguiu oito galardóns: a Biznaga de Ouro á mellor película, o premio ex aequo á mellor actriz para Laia Costa e Susi Sánchez, o premio ao Mellor Guión, o Premio Feroz da Crítica, o Premio do Público ademais dos galardóns do Xurado Novo, Asecan e Signis.
Esta é a primeira longametraxe, como directora e guionista, de Alauda Ruiz de Azúa (Barakaldo, 1978) tras un exitoso paso pola curtametraxe onde acadou deceas de recoñecementos en festivais nacionais e internacionais con traballos como Dicen (2011) ou Nena (2014).
Alauda traslada á ficción a súa propia experiencia coa maternidade, que mudou o modo no que vía aos seus pais ao converterse ela mesma en nai e eles en avós, circunstancia que cambiou para sempre as relacións familiares.
A directora recoñece que unha frase ou un pequeno xesto da súa nai ten a capacidade de facela sentir de novo como unha nena, polo tanto fixo este filme pensando en que somos fillos de ida e de volta.
A película combina un retrato xeracional sobre as nais actuais con outro centrado nesas outras nais, agora avoas, que quedaron na casa, coidaron da familia e sen as que non podemos entender a sociedade actual.
A segunda estrea desta semana é «Outside Noise», o novo filme de Ted Fendt, cineasta estadounidense afincado en Berlín e que é un dos maiores segredos da cinefilia mundial actual, pouco coñecido polo gran público pero venerado por quenes coñecen o seu traballo.
Fendt filma curtas e longametraxes, con pequenos grupos de amigos e colaboradores, que tiveron a sorte de circular por todo tipo de festivais internacionais, como sucedeu con Short Stay (2016) e Classical Period (2018).
Outside Noise é unha fermosa miniatura onde o propio medio co que está filmada, o celuloide en 16 milímetros, confire á película un estado de ánimo propio doutro tempo e que, ao mesmo tempo, dialoga co cinema francés da Nouvelle Vague, especialmente co de Éric Rohmer.
Fendt fala con grande sensibilidade do baleiro espiritual que sofre toda unha xeración que viu como desapareceron as súas ilusións e anhelos.
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte