Xuño 2018 A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, adiantou este venres as novas sesións, organizadas pola entidade local, de animación á lectura, para os vindeiros meses de xuño e xullo, que acollerá a Biblioteca Municipal.
O vindeiro xoves, 14 de xuño, Trinke-Trinke Teatro conducirá a actividade Paxariños, que levará aos cativos e cativas, de 0 a 3 anos, ata un xardín, no que hai un niño, e no niño un ovo. A banda sonora deste contacontos é obra orixinal do compositor coruñés Tito Barbeito.
Para o xoves 28 de xuño, está preparado o espectáculo Cantamos? de Luis Vallecillo, que, se o tempo o permite, se realizará no exterior da biliboteca. Trátase de divertidas cancións-conto cun aire rock e blues en lingua galega para que os nenos e nenas, a partir de 3 anos, canten e bailen.
Xa en xullo, o día 5, os pequenos e pequenas a partir de 6 anos poderán gozar co obradoiro Deseño de bolsas/mochilas para lectores, da man de O Faiado de Nin, no que dar renda solta á imaxinación personalizando unha bolsa con deseños relacionados co mundo dos libros.
Para rematar, o 19 de xullo, Dani Viéitez e Iria Iglesias conducirán a actividade O raposo Rufo, que se basa na colección de libros que leva este mesmo nome, cun contacontos que se tratan valores como a reciclaxe, a alimenación ou a natureza e o seu coidado. Está destinado a nenos e nenas de máis de 3 anos.
As entradas son de balde, pero dado que a capacidade é limitada é necesario retirar as invitacións a partir das 10:30 horas do luns da semana da actuación correspondente, máximo dúas por persoa, agás para a sesión do 28 de xuño. As sesións de xuño serán ás 18:30 horas, e as de xullo, ás 12:00 horas.