Maite Ferreiro reúnese co artista Caxigueiro, que realizará un conxulto escultórico sobre Darío Xohán Cabana

Darío Xohán Cabana, un dos máis relevantes veciños da cidade, será homenaxeado cun conxunto escultórico sobre o poeta realizado polo artista Caxigueiro, que se ubicará na zona inferior da praza da Mosqueira, e dando o nome de Paseo Darío Xohán Cabana a ese treito final da rúa.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que o Goberno de Lugo vén de manter unha xuntanza con familiares de Darío Xohán Cabana “de cara a organizar unha homenaxe a Darío para recoñecer e divulgar a súa obra”.

A concelleira de Cultura explicou que “Darío Xohán Cabana foi unha das persoas máis relevantes na defensa da lingua e da cultura galegas”, e engadiu, “Lugo débelle a Darío un agradecemento pola súa implicación e pola importancia que a súa obra tivo para Lugo e para Galiza”.

A área de Cultura está a traballar co artista Caxigueiro, que realizará un conxulto escultórico sobre o poeta, que se ubicará no paseo final da praza da Mosqueira. A obra de Caxigueiro contará con versos do Poeta escollidos pola familia. Ademais, Maite Ferreiro afirmou que o treito final da Mosqueira, próximo ao cruce con San Roque, “será coñecido como Paseo Darío Xohán Cabana”.

Maite Ferreiro afirmou que “con estas accións, Lugo lembrará a Darío, un dos seus máis relevantes veciños, un artista, un académico, un magnífico escritor e tradutor e un gran compañeiro para todas aquelas persoas que tiveron a sorte de poder traballar con el”.

“Darío traballou máis de 30 anos na área de Cultura, axudando encher de actividade todos os recunchos da súa cidade”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “foi un orgullo para este Concello contar coa súa experiencia, sabiduría e bonhomía”

Caxigueiro

O escultor e ceramista Daniel Río, coñecido como Caxigueiro, comeza a súa carreira na fábrica de Sargadelos. A súa primeira exposición data do 1980, mais foi nos anos 90 cando destacou como un dos artistas máis relevantes da arte contemporánea galega.

A obra de Caxigueiro reflexiona sobre cuestións que condicionan o desenvolvemento vital, tanto individual coma colectivo. Dende 1990 interésase pola instalación, aínda que a miúdo tamén se expresa a través doutras disciplinas (escultura, fotografía, poesía, etc). 

A mestura de diferentes linguaxes, o interese por narrar, a importante presenza da cerámica, xunto a unha actitude crítica e claramente periférica, serven de ponto de partida para achegarse a un persoal xeito de entender a Arte.