Participantes nunhas das xornadas sobre Xestión Cultural celebradas en Humanidades

O CulturaLab da USC afonda no perfil profesional da xestión cultural co programa Bíos, no marco do que catro xestores culturais que hoxe son referentes no ámbito da industria cultural galega, darán conta das súas respectivas experiencias e traxectorias a través de dous encontros de traballo con alumnado do grao en Xestión Cultural e do mestrado en Servizos Culturais os días 11 e 18 de novembro na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo. 

As sesións tamén están abertas á participación de todo o público interesado.

A presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais ( AGEM ) e manager de dotbeat! , Patricia Hermida, e o socio fundador director da consultora Ouvirmos e ex coordinador do Culturgal, Xosé Manuel Aldea, abren este venres, a partir das 16.30 horas, a primeira das sesións participativas deste ciclo, financiado cunha achega económica recibida da Deputación Provincial de Lugo. 

O programa Bios do CulturaLab terá continuidade o venres 18 de novembro, cun novo encontro no que intervirán como relatores Aitana Cuétara, quen desde 2015 dirixe a axencia Luneda Producións , unha firma adicada ao booking, a produción e a xestión de programacións que está especializada sobre todo nas
músicas tradicionais e populares e no jazz, e o tamén empresario, editor e escritor Henrique Alvarellos, que desde 2020 preside a Asociación Galega de Editoras ( AGE ).

A coordinadora do mestrado en Servizos Culturais da Facultade de Humanidades da USC, Carme Silva Domínguez, sinala que o obxectivo do programa Bíos do CulturaLab, non é outro que o de reflexionar sobre a realidade da xestión cultural e do perfil profesional asociado a esta, ademais de dar a coñecer os múltiples nichos de emprego que ofrece a industria cultural a través das experiencias biográficas dalgúns dos actuais referentes deste eido no panorama galego.