O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, presentou a sexta edición ciclo de concertos Muralleando, que abrirá a Praza da Mosqueira ás distintas agrupacións musicais de Lugo.
En total, 20 agrupacións mostrarán a súa música con concertos gratuítos que terán lugar os venres e sábados, a partir das 20:30, entre o 4 de xullo e o 31 de agosto.
O Tenente Alcalde explicou que «esta sexta edición consolida ao Muralleando como unha das actividades culturais máis importantes para os meses de verán, converténdose no punto de encontro das agrupacións locais, mantendo a Muralla como protagonista ao celebrarse na Praza da Mosqueira, un dos espazos máis importantes na programación cultural ao longo do ano».
Rubén Arroxo lembrou que «os concertos do Muralleando apareceron xusto despois do confinamento, no ano 2020, co obxectivo de animar con música os distintos paseos das veciñas e veciños ao redor da Ronda da Muralla e ao mesmo tempo colaborando co tecido cultural local, que vira anulados moitos eventos».
Arroxo destacou que a praza da Mosqueira «permite organizar actividades culturais e de ocio respectando a visión da gran concentración de patrimonio que hai nesta zona», en referencia á propia Mosqueira e ao edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira.