Conta atrás para unha das semanas máis agardadas do ano por moitos e moitas lucenses: a Semana de Cine de Lugo, que entre os días 22 e 27 de setembro, ofrece un programa con arredor de 200 proxeccións e actividades paralelas en distintas sedes da cidade.

Organizada polo Grupo Cinematográfico Fonmiñá, na presentación oficial da mesma, interviron a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, o presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, Xulio Xiz, a deputada de Cultura, Iria Castro, Manuel Curiel, director da Semana de Cine, a directora da UNED Lugo, Ana Belén Traseira e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Dentro da programación, como cada edición, obras de calidade, moitas das cales nunca chegarían ao público lucense polos circuítos comerciais habituais.

O Auditorio Muncipal Gustavo Freire acolle o ciclo «O mellor do ano» e as curtas que compiten na sección oficial.

Na Deputación Provincial proxectarase cine documental e será a sedes das homenaxes que se realizarán ao longo da semana.

O Vello Cárcere acolle as curtas en galego e o ciclo «As curtas tamén son cine».

O salón de actos da Delegación Territorial acollerá o ciclo de Cine galego, con trece obras realizadas nos anos 2024 e 2025 que amosan o gran momento que atravesa o audiovisual en Galicia. 

A sede do Edificio Administrativo será tamén o escenario do ciclo de Cine de Nadal en homenaxe ao Belén de Begonte.

Na Biblioteca Pública Provincial  desenvolveranse o ciclo de Cine español inédito e a homenaxe aos 90 anos de radio en Lugo, ademais de recuperar a exposición sobre o cartel da presente edición.

Esta mostra recolle tanto o resultado final como os quince deseños previos elaborados polo artista Primitivo Marcos para lembrar os 100 anos da estrea da mítica película La quimera del oro, de Charles Chaplin.

Fonmiñá sorteará seis dos bocetos entre os asistentes ás proxeccións da sección oficial.

A Semana de Cine tamén servirá para homenaxear á actriz galega María Vázquez e a Enrique Muiño -O gaucho galego-, que terán a súa placa no Paseo do Cine do parque de Frigsa, así como aos fotógrafos Atín Aya e Mercedes Vázquez.

ENTRADAS:

O mellor do ano (Auditorio): 3,00 euros
Sección Oficial (Auditorio): 3,00 euros

Con entradas á venda en: https://kadelica.com/

A entrada a todos os demáis ciclos é libre e de balde ata completar aforo previa retirada en https://kadelica.com/  ata unha hora antes do comezo de cada proxección, ou presencialmente na sala correspondente, desde media hora antes.

Unha vez comezada a película non se permitirá o acceso á sala

O programa complétase con outras actividades como:

– A Muralla, 25 anos da declaración de “Patrimonio da Humanidade” Exposición “UN CUARTO DE SÉCULO DESPOIS. A muralla, punto de mira”. Obras de fotógrafos de prensa de Lugo.

– 90 anos de radio en Lugo. Exposición “A RADIO DA NOSA VIDA / A NOSA VIDA NA RADIO”.

– O Nadal en setembro. Homenaxe aos 53 anos do Belén de Begonte, en colaboración coa asociación José Domínguez Guizán. 

– O Alzheimer. Mesa redonda en colaboración con: Academia de Enfermaría de Galicia, Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo ,  Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFALU), Servicio de Xeriatría do Hula. Modera: Isidoro Rodríguez, Presidente da Academia Galega de Enfermaría.

– Homenaxe á fotógrafa sarriá Mercedes Vázquez Saavedra

– Homenaxe á actriz chantadesa María Vázquez, coa edición do libro “María Vázquez, de María a Matria”, de Manuel Curiel, e colocación da súa placa no Paseo do Cine”.

– Placa a Enrique Muiño, “o gaucho galego”, no Paseo do Cine.

– 100 anos de “A quimera do ouro”, de Charlot, que se conmemora no cartel anunciador, obra do lucense Primitivo Marcos.

– Cine en Aspnais. Ciclo en colaboración coa Asociación Provincial de Pais e titores de persoas con discapacidade intelectual.

– Cine nos centros penitenciarios de Bonxe, Teixeiro e Monterroso en colaboración coa Asociación Concepción Arenal.

– Concurso de escaparates de cine en Lugo, en colaboración con Lugo Monumental.