- Este evento ha pasado.
Presentación da Revista de Creación Poética Xistral

Presentación da Revista de Creación Poética Xistral
23 de decembro de 2025
Sala de grupos do MIHL, Lugo
18:30 horas
Revistra Xistral
Foi creada por Manuel María no ano 1949, cando tiña 21 anos e aínda non publicara Muiñeiro de Brétemas (1950).
Un proxecto de xuventude que fundou en compañía do seu amigo Manuel Antonio Sopena no que o autor chairego publicou os seus primeiros versos.
Tan só deron sacado dous números en edición bilingüe; aínda así, neses dous números chegaron a publicar, ademais de Manuel María, autores da talla de Cunqueiro, Pimentel e Aquilino Iglesia Alvariño.
Despois de medio século de silencio, no ano 2000, o Concello de Lugo recuperou a idea
e puxo a andar de novo a Revista Xistral co subtítulo de Revista Lucense de Creación
Poética.
O propio Manuel María autorizou esta renacenza e, mesmo, chegou a escribir un texto de presentación para o número 3, número co que se iniciaba a segunda etapa desta revista.
Será Camilo Gómez Torres (alumno primeiro e, andado o tempo, amigo persoal do poeta de Outeiro de Rei) quen se faga cargo da coordinación desta e das sucesivas edicións, dende a número 3 ata a número 20, converténdose no verdadeiro mantedor e dinamizador desta publicación. Realizou un traballo ímprobo con absoluta discreción, dándolle á revista unha personalidade singular.
Pero, no ano 2017, Gómez Torres pediu o relevo e o número 21 sae baixo a coordinación de Toño Núñez, quen non tivo máis ca darlle continuidade a un proxecto totalmente consolidado.
O Consello de Redacción desta publicación está integrado por Marica Campo, Claudio Rodríguez Fer, Olga Novo e a Concelleira de Cultura, nos dous últimos números, Maite Ferreiro.
Xistral é unha revista de poesía cun denominador común: a diversidade.
Poetas, homes e mulleres, de todas as idades e con moi diferentes traxectorias poéticas e vitais; dende poetas consagrados/as ata outros/as que comezan a dar os seus primeiros pasos na creación poética.
Diversidade, igualmente, na temática, no estilo, na forma, nas distintas variedades do galego…
Este número 26 inclúe achegas de 101 poetas.
A maioría son poetas da provincia de Lugo, pero tamén colaboran poetas de toda Galicia e doutros lugares, mesmo un poeta ruso que escribe en galego.
Ademais, conta con ilustracións de Jesús Alfonso Parada Jato e María Xosé Rodríguez García.
























