Nova convocatoria das Residencias Paraíso en Lugo
Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas, preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo.
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que vén de abrir o prazo de solicitude para as Residencias Paraíso, “un proxecto co que o Concello de Lugo leva colaborando nos últimos anos e que permite tanto dar unha grande promoción á nosa cidade entre as e os artistas de toda a península como achegar a Lugo a agrupacións de gran calidade para que desenvolvan aquí os seus proxectos”, explicou Maite Ferreiro.
As Residencias Paraíso pretenden fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor de novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística mentres normaliza o concepto de residencia artística, fundamental para o presente e o futuro da cultura galega.
As Residencias Paraíso 2023 están dirixidas a artistas tanto de Galiza como do resto da península. En total, escolleranse 9 proxectos, que desenvolverán unha residencia de 2 a 3 semanas nos espazos colaboradores. Xunto coa área de Cultura do Concello de Lugo, participan nesta iniciativa a Axencia Galega das Industrias Culturais, os concellos da Coruña, Carballo, Pontevedra, Ribadavia e Compostela, e a Fundación Cidade da Cultura.
A convocatoria de Residencias Paraíso 2023 estará aberta ata o 30 de xaneiro de 2023, e a selección final farase pública a finais de febreiro.
Toda a información pode atoparse na web do Colectivo RPM.