Nova edición do Festival de Teatro Amador en Lugo
As 4 representacións desta edición terán entre o 16 e o 30 de setembro

Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo, presentou a sexta edición do Ciclo Galego de Teatro Amador, organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado en colaboración coa área de Cultura do Concello de Lugo e coa consellería de Cultura.

Arroxo afirmou que “un ano máis volve o Ciclo Galego de Teatro Amador, no que poderemos ver a distintas compañías de teatro afeccionado realizar as súas últimas obras no Auditorio Municipal, achegando o teatro a toda a veciñanza”.

As representacións desta edición son as seguintes:

·         16 de setembro ás 20:30 –Microtirulos, de Tiruleque Teatro

·         17 de setembro ás 18:30 – A Liorta, de Avelaíña Teatro

·         24 de setembro ás 18:30 – Camiños e Carreiros, de Andaravía Teatro

·         30 de setembro ás 20:30 – O Randiña, de Pico do Castro

Entradas de balde, retíranse en entradaslugo.es ou na billeteira do Gustavo Freire o día da actuación.

PROGRAMA FESTIVAL DE TEATRO AMADOR
Tiruleque teatro «Microtirulos» 16 setembro. 20.30h. Público Adulto.
Catro obriñas de teatro breve enlazadas aos pares por un leve fío que, a partir dunha festa, vai conducindo ao espectador ata unha foliada.
 
Abrimos con Reencarnación, dramatiza Pepe Prada para presentar unha imaxinaria oficina celestial dende onde se distribúen as almas ao seu destino final segundo o seu comportamento na terra. Os espectadores comprobarán que esta obriña vai ter unha sutil relación con Morreu a tía María, aínda que parece que tal relación non é doada.
 
Raios e Tronos é un texto orixinal do compañeiro Floro González para dous actores e unha compañía eléctrica, que nos conta como unha familia sofre diversos cortes de luz que lles provocan uns cantos incidentes e accidentes. Esta obra ten unha certa relación con Milhomes, un texto dramatizado por Pepe Prada, que recolle a idea inicial de UN HOME DOENTE de Leandro Carré Albarellos, para amosarnos, a través dunha partida de cartas entre dous homes, a fachendosa presenza dun fanfurriñeiro abusón, que ven sendo como o personaxe do Miles Gloriosus de Plauto. Un bota-pra-fóra, que realmente é un caguiñas.
 
E rematará o espectáculo con Morreu a tía María, que comeza co pranto das carpideiras pola morte da tía María, chiscándolle un ollo ao texto de Castelao, e vai rematando coa liorta das herdeiras por ver quen se queda co capital. O texto, orixinal de Pepe Prada, aproveita a idea de “Esperando la carroza”, unha obra de teatro de Jacobo Langsner, que máis tarde, e co mesmo título, foi levada ao cine por Alejandro Doria.
 
Morreu a tía María acadou o I Premio Platta de Teatro Breve – Galicia no ano 2019, sendo editada pola Asociación Cultural Entre Bambalinas na Colección de Erregueté Cadernos Platta 2, en galego, castelán e portugués. Esta é unha adaptación do texto orixinal para Tiruleque Grupo de Teatro.
Avelaiña Teatro «A liorta» 17 setembro. 18.30h. Público Adulto/Xuvenil
Imos presenciar unha escena doméstica entre dous polemistas natos, profundos e corrosivos.

Acontece no s. XVIII, o Século das Luces, na apoteose da Ilustración.

De contado xurdirá a contenda entre dúas maneiras de entender a vida, o pensamento, a cultura, a sociedade. Enfrontamento dialéctico entre dous filósofos, liados nunha pelexa a dentadas  e na que a filosofía é a protagonista.

Iso explica en boa medida que  asistamos a un teatro no que predominará o uso da palabra, nun texto sempre vigoroso e exquisito. Ámbolos dous  interpelantes son correlixionarios no empeño enciclopédico e na tarefa  de sentar as bases da Revolución Francesa e das sociedades liberais que a partir dela xurdiron e en cuxos principios ( democracia, constitución, división de poderes, liberdades e dereitos subxectivos, etc.) se asentan  as nosas.

Unha disputa entre dúas ideas que, sendo igualmente xenerosas, non son en modo algún menos diversas. Un aristócrata que quere mellorar o valioso conseguido, que cre na cultura, que se opón á irracionalidade, á superstición, á intolerancias e á tiranía, que lamenta a inexistencia da Providencia, contesta ás arremetidas dun rapaz airado de orixe plebea, un axitador revolucionario, un radical que quere partir de cero para reformar a sociedade, para volveres á boa natureza do salvaxe e desbotar a corrupción á que nos ten levado a sociedade, a cultura, as ciencias e as  artes.

Velaí a VOLTAIRE e a ROUSSEAU , contraditorios máis sempre brillantes, nun diálogo que reclama unha sostida atención para acompañalos nese ir debullando unha serie de temas plenamente actuais.

Andaravía Teatro «Camiños e carreiros» 24 setembro ás 18.30h. Todos os públicos.

Esta comedia escrita e dirixida por Clara Gayo parte do “camiño de Santiago como espazo de encontro”: encontro entre culturas, intereses e inquedanzas.

Dous veciños de Vedra unen as súas forzas para poder sacar uns cartos extras beneficiándose da proximidade do Camiño de Santiago. Estarán preparados para atender e comprender as novas demandas do camiño do século XXI?
Pico do Castro «O randiña». 30 setembro ás 20.30h. Todos os públicos.

A obra recrea as peripecias dun vagabundo, “O RANDIÑA”, no seu afán de evitar que se lle arrebate o único lugar que considera o seu fogar, un banco de praza.

Este singular personaxe fará fronte á indiferenza, o abuso e a marxinación tendo como única arma o seu inxenio e astucia, logrando sortear cada situación que se lle presente para saír ben librado. Esta obra invítanos a facer unha análise da nosa vida e do noso papel na sociedade desde unha perspectiva distinta.