Decembro 2019 O domingo 08/12 ás 18:30 chega a Lugo a obra teatral «A Compañeira de Piso» dentro da programación teatral promovida por Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello no Gustavo Freire.
Dirixida por Candido Pazó e Belén Pichel,» A compañeira de piso», combina sutileza e comicidade para tratar os temas da idade, a muller e a identidade dun xeito fresco e divertido. A obra leva sendo representada con éxito por varias compañías nos Estados Unidos ata o día de hoxe. Destacada pola crítica americana como unha mestura de “Thelma & Louise”, “A estraña parella” e “Breaking Bad”, Contraproducións presenta a primeira adaptación fóra dos escenarios norteamericanos en co-produción co Centro Dramático Galego.
Sinopse: Sharon (Patricia Vázquez), unha ama de casa de cincuenta e pico anos e recentemente divorciada, publica un anuncio para compartir a súa casa no corazón do rural de Iowa. Sharon procura alguén coma ela, unha compañeira, se cadra, unha amiga. A chegada de Robyn (Rebeca Montero) para ocupar o cuarto deixa a Sharon de pedra xa que non podían ser máis diferentes: lesbiana, vegana, chegada do Bronx… Pero lonxe de arredarse, Sharon comeza a experimentar co estraño (e prohibido) xeito de vida de Robyn sen saber que a súa inquilina procura un refuxio no que agocharse e cambiar de vida. Unha comedia negra sobre a capacidade de reconducir o tren da propia vida e o que sucede cando este descarrila.
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte