Aberta ata o día 25 a inscrición na oitava edición do ‘Findecurta’, que se desenvolverá entre o 29 de abril e o 2 de maio
O maratón cinematográfico promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural premia con 400 euros o traballo máis valorado polo xurado e garante a proxección das dúas mellores propostas no marco da Semana de Cine de Autor de Lugo

O Espazo de Cine da Área de Cultura da USC impulsa a creatividade audiovisual en galego da mocidade a través da convocatoria dunha nova edición do maratón cinematográfico ‘Findecurta’,  que celebrará a súa oitava edición entre os días 29 de abril e 2 de maio de 2023.

As persoas interesadas en tomar parte neste cita artística poderán formalizar a súa inscrición de balde  ata o día 25 de abril a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es , ao que cómpre enviar cumprimentada a folla de inscrición xa dispoñible na web www.lugocultural.es , onde tamén se poden consultar as bases polas que se rexerá a nova edición dun certame que nas últimas convocatorias congregou a decenas de participantes.

O certame cinematográfico comezará o 28 de abril ás 20.45 horas, cunha sesión informativa na Casa do Saber de Lugo, durante a que o coordinador este maratón, Bruno Máez, explicará ás persoas participantes os retos que deben cumprir as súas propostas audiovisuais, así como as características técnicas das curtas presentadas a concurso.

Os concursantes, agrupados en equipos ou de forma individual, disporán de máis de 80 horas para elaborar as súas respectivas curtametraxes, que deberán enviar antes das 10.30 horas do día 2 de maio ao enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es .

Premios

Os autores da curta máis valorada polos membros do xurado recibirán unha gratificación en metálico de 400 euros, ademais da posibilidade de competir coa súa creación na próxima edición da Semana de Cine de Autor de Lugo.

A segunda curta mellor valorada tamén poderá optar ao premio do público á mellor curtametraxe galega no marco da Semana de Cine de Lugo.

As curtas presentadas a concurso proxectaranse o 12 e maio, a partir das 21.00 horas, nunha gala aberta ao público que se desenvolverá na Praza de Santa María e trala que se procederá á entrega de premios. Esta sesión trasladarase ao auditorio da Facultade de Veterinaria en caso de choiva.

Certame promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial e Concello de Lugo.