O Club Cultural Valle-Inclán retoma a programación cinematográfica a partir do mércores, día 29 de setembro, con un ciclo dedicado aos Contos das Catro Estacións de Éric Rohmer, dentro das Sesións de Filmoteca seguindo o seguinte programa:
* Día 29 de setembro: Conto de primavera (1990). 112 min.
O comezo dunha nova serie de filmes de Éric Rohmer, os Contos das Catro Estacións. Unha moza profesora graduada en filosofía é convidada a pasar unha fin de semana no campo por unha amiga, quen tamén leva ao seu pai, que á súa vez vai coa súa moza amante. Por unha serie de circunstancias, a profesora e o pai da súa amiga quedan sós. A simplicidade, o número reducido de personaxes, a complexidade das relacións e os sentimentos máis uns diálogos de excelencia marcan éste título perspicaz que amosa a vulnerabilidade dos afectos, a errancia ou os principios sociais con momentos memorables como unha cea e un diálogo de seducción, mentres escoitamos a Schumann, Beethoven ou Valero. VOSE
* Día 6 de outubro: Conto de verán (1996). 113 min.
O terceiro filme do ciclo dos Contos das Catro Estacións presenta o verán dun mozo melómano, en aparencia solitario, Gaspard, de vacacións no balneario francés de Dinard. A súa idea é atoparse alí con Lena, da que está fondamente namorado. Mais neses días coñece a dúas mozas máis que quizais lle suxiran novos rumbos ao seu corazón. Perspicaz, natural, sinxelo, o retratista do verán que é Éric Rohmer, de novo elabora unha narración pola que sobresae o hábil e maxistral explorador das emocións. VOSE
* Día 13 de outubro: Conto de outono (1998). 111 min.
Unha viticultora, Magali, queda soa na súa casa familiar de campo ao independizarse os seus fillos. A súa amiga Isabelle parece decidida a atoparlle parella e mesmo recurre aos anuncios por palabras. Namentres, Rosine, amiga do seu fillo, tamén quere procurarlle mozo a Magali. As intrigas de ambas terán que vencer a preguiza e resistencia de Magali. Peche dos Contos das Catro Estacións con outro relato delicioso, perspicaz, unha exaltación dos sentidos e sagaz análise das complexidades do ser humano. VOSE.
PREMIOS: 1998- Festival de Venecia: Premio ao mellor guión.
* Día 20 de outubro: Conto de inverno (1992). 114 min.
Durante as vacacións do verán, Felicia e Charles teñen un apaixonado romance, mais debido a unha confusión de enderezos perden o contacto. Cinco anos despois, en Nadal, Felicia está en París coa súa nai e a súa filla, nacida nove meses despois daquel verán. O segundo dos Contos das Catro Estacións é outro relato fondo, sorprendente, un ensaio en forma de conto filosófico onde o amor resulta o elemento central e a literatura –da novela bizantina a Shakespeare (ollo a un segmento que representa unha obra do xenio de Stratford-upon-Avon)- devén decisiva. A obsesión polo amor ausente e a vulnerabilidade dos afectos na contorna ofrecen deste xeito un filme intenso e lúcido. VOSE
LUGAR E ENTRADAS
Proxeccións na Sala da Casa do Saber, Vicerreitorado USC. Sesión de 19:30 horas. Aforo limitado.
Reserva localidades no correo clubvalleinclan@hotmail.comindicando nome, apelidos, DNI e nº teléfono, datos precisos establecidos polas normas COVID.
As Sesións de Filmoteca desenvolvense en colaboración coa Filmoteca de Galicia, segundo convenio de colaboración coa AGADIC.