A Federación Galega de Dano Cerebral e ADACE Lugo organiza este mes o ciclo ‘Visións sobre o dano cerebral adquirido no cinema’, no que se poderán ver os filmes Fálame de ti (Un homme pressé. Hervé Mimran, 2018) e A escafandra e a bolboreta (Le scaphandre et le papillon. Julian Schnabel, 2007).
As proxeccións serán os mércores 24 de novembro e 1 de decembro no Auditorio Sede Afundación.
A asistencia é aberta e gratuíta, pero cómpre inscribirse enviando un correo a fegadace@fegadace.org.
Cada pase vai estar precedido do vídeo O mundo púxose ao revés, elaborado por FEGADACE e o ilustrador Miguel Gallardo, e remata cunha sesión de debate sobre a relación entre a película e o tratamento que fai do dano cerebral. Nas películas seleccionadas veranse aspectos como a rehabilitación, o illamento, os cambios que produce o dano cerebral na persoa e no contorno.
Fálame de ti
Fálame de ti (Un homme pressé. Hervé Mimran, 2018, 100 m. VOSE) está protagonizada por Alain, un home de negocios respectado e un orador brillante. Na súa vida non hai lugar para o lecer ou a familia. Un día, sofre un derrame cerebral que estraga a súa brillante carreira profesional e cáusalle problemas profundos de fala e memoria. Na súa rehabilitación recibe o apoio de Jeanne, unha moza logopeda. Grazas ao arduo traballo e a paciencia, Jeanne e Alain
chegarán a coñecerse e cada un, á súa maneira, tratará de reconstruírse e empezar unha nova vida.
A escafandra e a bolboreta
A escafandra e a bolboreta (Le scaphandre et le papillon. Julian Schnabel, 2007, 112 m. VOSE). En 1985 á idade de 43 anos, Jean-Dominique Bauby, carismático redactor xefe da revista francesa Elle, tivo un ictus. Saíu do coma 20 días máis tarde vítima da “síndrome de cativerio”, pola que queda totalmente paralizado, non podendo moverse, comer, falar nin respirar sen asistencia. A súa mente funciona, pero é prisioneiro do seu propio corpo, sendo só capaz de comunicarse co exterior mediante o parpadeo do seu ollo esquerdo. Forzado a adaptarse a esta única perspectiva, Baudy crea un novo mundo a partir das únicas dúas cousas sen paralizar: a súa imaxinación e a súa memoria.