Esta semana Codex Cinema trae ás pantallas lucenses dúas mostras do cine francés máis actual que veñen de triunfar en festivais e tamén nas billeteiras do país veciño. Tanto As cousas que dicimos, as cousas que facemos de Emmanuel Mouret como Mandíbulas de Quentin Dupieux son dous exemplos do cinema máis iconoclasta e irreverente que se está a facer hoxe en día en Francia, a cargo de dous cineastas renovadores que levan xa máis dunha década dando que falar.
Emmanuel Mouret é un cineasta famoso polas súas deliciosas comedias sentimentais, cheas de enredos e historias que se entrelazan entre diferentes personaxes. Un cinema gozoso que extrae o mellor da vida cotiá das clases medias francesas en filmes moi literarios. É o caso de As cousas que dicimos, as cousas que facemos unha fascinante exploración do amor e da fidelidade a partir do encontro entre Daphne e Maxime, dous mozos que, confesando as súas historias de amor, felices ou fracasadas, terminan por xerar novas paixóns.
A película intercala diferentes narracións de forma moi habilidosa e sinxela, un xogo de confesións e encontros maxistral que converteu a película nun éxito de crítica e público en Francia, acumulando gran cantidade de candidaturas para os premios César (os Goya franceses), onde finalmente a actriz de reparto Emilie Dequenne conseguiu o galardón.
Pola súa banda, Quentin Dupieux especialízase tamén na comedia, pero na súa vertente máis irreverente e surrealista, mesturando retratos contundentes sobre a tan mencionada xeración millennial con imposibles elementos fantásticos que o converteron nun cineasta de culto. Mandíbulas é un bo exemplo do seu estilo. O que podería ser unha buddy movie convencional sobre a vida de dous amigos que levan unha existencia compracente sen obxectivos vitais transfórmase nunha comedia disparatada ao introducir un elemento fantástico, unha mosca xigante, coa que a parella protagonista trata de cambiar a súa vida sacando beneficio dela.
Cinema fresco e orixinal, de gran vertente cómica sen esquecer a sensibilidade para retratar o seu contexto, que fala da gran riqueza cinematográfica do país galo. Mouret y Dupieux son dous nomes cada vez máis recoñecidos e que chegan por primeira vez a Lugo cos mellores expoñentes do seu estilo.
Veludo azul na retrospectiva de David Lynch
Cineasta de culto e cun estilo moi recoñecible é tamén David Lynch, que continúa co seu paso por Codex cunha nova entrega do seu universo. Neste caso trátase de Veludo azul, unha das súas películas de maior fama, seguramente porque foi a primeira en sentar as bases do cinema que lle fixo famoso. Eses ambientes surrealistas e sedutores, tan perigosos como gozosos, nos que Lynch consegue introducir ao espectador. Unha historia que comeza convencional e pouco a pouco se vai enchendo de misterio, de esquizofrenia e de momentos fora do común. Coma sempre, os pases de Veludo azul serán exclusivos o xoves e o domingo.