Estrea do novo documental da lucense Carmen P.G. Granxeiro.
O vindeiro xoves 14 de novembro, a sala de A Gentalha do Pichel, no número 21 da rúa Santa Clara, de Santiago de Compostela, acollerá a estrea a partires das 20.15h.
A directora e escritora lucense pecha con esta nova longametraxe documental a triloxía transfeminista do activismo cuir galego, que iniciou en 2021 con ‘Persoas S.A.’.
Este primeiro filme púidose ver no OUFF de Ourense e a día de hoxe atópase en liña e de balde. Mentres que o segundo deles, ‘Alex and Munchie: contra o cisheteropatriarcado’, participa nestas semanas no Coliseum International Film Festival en Italia, logo de ter pasado polo Directed by Women Spain ou o Festival da Crítica Cinematográfica de Caracas.
‘Escenas dun consenso’ é unha historia -dentro das moitas posibles- sobre a Batukada Transfemista Tamborililás, o colectivo compostelán que adoita estar presente cos seus tamboriles reciclados nas manifestacións e concentracións da cidade.
Tamén é un retrato -de entre todos- dos movementos sociais composteláns e, alén das fronteiras, unha reflexión colectiva sobre os procesos asemblearios e humanos que os conforman.
É tamén unha historia sobre contar a Historia, a nosa, a que facemos dende as marxes academicistas ou políticas, a que xira arredor do transfeminismo e da loita social.
Mais, por riba de todo, é unha reflexión sobre o impacto das redes colectivas nas vidas persoais. O impacto da percusión e dos ritmos, das manifestacións, asembleas, actas e consensos. Das estratexias, do poder e dos disensos.
Unha historia sobre compartir a vida e os procesos de loita e loito que conleva.
Carmen P.G. Granxeiro (Lugo, 1985), formouse no audiovisual e móvese no mundo da creación, traballando ficcións e documentais a partes iguais. Habita actualmente a cidade de Compostela onde compaxina o persoal, o activista e o artístico.
Con ‘Benvidas ao club’ (2019) conseguiu no Festival de Málaga a Biznaga de prata, premio especial Afirmando los derechos de las mujeres, o mesmo festival no que máis tarde estaría presente con ‘Nun tempo de horta’ (2022).
Participou na sección oficial do Festival Alcances de Cádiz con ‘Un día normal’ (2020), na sección Panorama Galego do Ourense Film Festival con ‘Persoas S.A.’ (2021) e no Directed by Women con ‘Alex and Munchie, contra o cisheteropatriarcado’ (2023), codirixida e coprotagonizada con Xácia Ceive, entre moitos outros.
Ademais de formar parte de exposicións e experiencias artísticas e sociais colectivas, recibiu premios polas súas creacións de videoarte e foille concedido o II Premio Literario Pinto e Maragota pola novela ‘Estranxeiras’ (Xerais, 2022).