Javier Tolentino presenta Un blues para Teherán en Codex Cinema

Esta semana visita Codex Cinema Javier Tolentino, mítico presentador de El séptimo vicio, o programa de Radio 3 que falaba de cinema alternativo, europeo e de autor, das películas de festivais e de esas nacionalidades das que fuxían os grandes medios. Escoitar El séptimo vicio era como viaxar a través dos oídos, viaxar con este cinéfilo-viaxeiro que fixo da música e do cinema a súa forma de vida.

Estas dúas disciplinas converxen en Un blues para Teherán, onde Tolentino compón unha fascinante sinfonía do amor ao cinema e a música en Irán, ese lugar berce da cultura universal e que é un referente mundial tanto no eido musical como no cinematográfico. O filme é un documental que rastrexa os novos sons dos artistas de Teherán ao tempo que descubrimos, vivimos e escoitamos outra forma de entender a cultura e a arte.

Javier Tolentino estará cos espectadores de Codex Cinema o próximo sábado ás 20:30 para presentar o filme e ter un coloquio con todos os espectadores. O músico sarriao Abraham Cupeiro dixo deste traballo que «propón unha autenticidade e honradez ao espectador á hora de achegarse a un pobo tan complexo como o persa». 

A película foi seleccionada para clausurar o festival de Xixón, ademais de estar noutros certames españoles como o Festival de Las Palmas ou o D’A de
Barcelona, así como internacionais en Moscú ou Copenhage.

OUTRAS ESTREAS

Ademais da estrea de Un blues para Teherán, outra estrea será Queridos camaradas, o novo filme do mítico Andrey Konchalovskiy, un dos grandes clásicos do
cinema ruso, unha das figuras máis polémicas desta cinematografía. 

Polémico nos anos 70 polas súas críticas ao goberno comunista e as súas controvertidas adaptacións de Tío Vania de Chéjov ou Nido de nobles de Turgeniev, Konchalovskiy marchou nos anos 80 aos Estados Unidos onde fixo películas moi recoñecidas como Os amantes de María ou O círculo do poder e filmes comerciais como Tango y Cash con Sylvester Stallone e Kurt Russell. 

Queridos camaradas é un prodixioso filme en branco e negro sobre a represión das folgas obreiras na Unión Soviética dos anos 60, o desencanto dos traballadores co soño comunista e o desexo de liberdade. Comparada con A lista de Schindler pola súa capacidade evocadora do pasado e a súa
denuncia dun drama non suficientemente coñecido da historia, Queridos camaradas recupera a un cineasta esencial do cinema de autor europeo.

O filme de Konchalovskiy gañou o premio especial do xurado no Festival de Venecia pola súa excepcional categoría artística e estrea agora en Codex Cinema este venres.

Continúa o ciclo de David Lynch 

Continúa o ciclo de David Lynch cunha das súas películas máis míticas, Corazón salvaxe, onde o mundo onírico do cineasta americano colisionaba co delirio de Nicolas Cage, un dos actores máis carismáticos de Hollywood nunha película que é un conto de fadas posmoderno co que Lynch conseguiu gañar a Palma de Ouro no Festival de Cannes de 1990.