Nove propostas cinematográficas compiten na sétima edición do certame cinematográfico en lingua galega Findecurta, unha iniciativa promovida polo Espazo de Cine da Área de Cultura da USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural, cuxa temática xirou nesta ocasión arredor dos sete pecados capitais.
Os máis de cen participantes no VII Findecurta, distribuídos en diversos equipos, gozaron de pouco máis de 80 horas para materializar as súas propostas cinematográficas, curtas coas que aspiran a gañar o premio en metálico de 400 euros de que está dotado este certame, que tamén garante a proxección das dúas producións audiovisuais máis valoradoras polo xurado e polo público na próxima edición da Semana de Cine de Autor
de Lugo.
O coordinador do VII Findecurta, Bruno Máez, foi o encargado de informar aos representantes dos equipos inscritos neste certame cinematográfico sobre os
requirimentos técnicos, así como respecto da temática e dos diferentes retos aos que debían achegar solucións as curtas presentadas a concurso
Os autores da curta máis valorada polos membros do xurado recibirán unha gratificación en metálico de 400 euros, ademais da posibilidade de competir coa súa creación na próxima edición da Semana de Cine de Autor de Lugo.
A segunda curta mellor valorada tamén poderá optar ao premio do público á mellor curtametraxe galega no marco da Semana de Cine de Autor de Lugo.
O fallo dos premios farase público o 6 de maio, a partir das 22.30 horas, no marco dunha sesión pública no auditorio da Facultade de Veterinaria durante a que se proxectarán todas as curtas presentadas a concurso.