O Vello Cárcere – Filme e arquivo sobre diarios íntimos de infancia e adolescencia
«CRÍAS» / «PROXECTO DIARIO», coordinado pola cineasta lucense Xiana do Teixeiro.
Esta semana en Lugo poderanse achegar contribucións e ideas á equipa do filme
Este mércores 10, ás 19h, preséntase en Lugo un proxecto sobre segredos: diarios de adolescencia feminina, cultura de dormitorio, escrita íntima, espazos propios. Unha investigación que durante os últimos 5 anos recolleu diarios secretos, escritos por mulleres diversas cando eran nenas, mozas, escritos para ninguén, para elas mesmas. Eses libros, reunidos e abertos por primeira vez, falan da mocidade en primeira persoa, trasladando un relato distinto, íntimo, ousado, da experiencia medrar como muller na nosa sociedade.
O proxecto consiste nunha recollida de obxectos e memoria oral en torno ás escritas do eu e a partir do obxecto do diario íntimo. Co arquivo recompilado durante os pasados anos, a investigadora e cineasta lucense Xiana do Teixeiro, que coordina o proxecto, está a construír uhna longametraxe documental “íntimo e colectivo ao tempo”, segundo a directora; tamén se teñen feito exposicións e publicacións editoriais.
Os días 10 e 11 de maio preséntase no Vello Cárcere da cidade de Lugo o proxecto, cunha cita especial o día 10 ás 19h, na que se proxectarán fragmentos do filme en produción e se abrirá un faladoiro. As persoas participantes están convidadas a traer lembranzas, memorias ou obxectos do universo dormitorio adolescente / diario íntimo.
“O diario é un obxecto que se adoita presentar como regalo ás nenas cando son aínda cativas. Nalgúns casos, a nena-moza convértese en dona da páxina, fai dese lugar o seu espazo propio (ás veces, o único do que dispón). Esa relación ca escrita íntima, esas cartas a unha “eu” futura, despregarán ramificacións durante toda a nosa vida. A nosa investigación parte do diario adolescente, pero interésanos todo o que ten que ver con esa escrita feminina non produtiva: a conservación, a destrución, a herdanza, o descubrimento. Neste eido xorden posibilidades potentes como as de xenealoxía e grupo”, comenta a cineasta.
A investigación do “Proxecto Diario” segue aberta, esta semana en Lugo poderanse achegar contribucións e ideas á equipa do filme (Walkie Talkie Films). A cita é no Vello Cárcere os días 10 e 11, nos que tamén se poderá ver parte do material de arquivo e exposición que próximamente será publicado en formato audiovisual e tamén expositivo.
Xiana do Teixeiro
Xiana do Teixeiro é cineasta. A súa primeira longametraxe, a multipremiada Tódalas mulleres que coñezo, rodada en Lugo, é un dos filmes documentais máis vistos en pantallas non só cinematográficas senón de espazos de educación e pensamento. A película, un documental empoderador sobre espazo público, xénero e liberdade, tamén rodado en Lugo, continúa a ser empregado como recurso educativo en distintas comunidades autónomas, despois de ter sido estreado en 4 continentes.
>> Información práctica:
10/05, 19h Presentación (a cargo de Xiana do Teixeiro) e Faladoiro participativo
10-11/05, 11-14h; 17-21h: exposición, encontro aberto, recollida de documentación
Vello Cárcere, Lugo; Calabozo grande, 2º andar