Fernando Fernán Gómez, escritor, dramaturgo, actor e cineasta, foi unha figura inmensa se cadra nunca suficientemente ponderada debido a súa poderosa imaxe, primeiro na comedia e despois en grandes papeis nas producións españolas máis importantes.
Emma Cohen, a súa parella desde os anos 80, compañeira inseparable e actriz de moitas das súas películas, Cohen foi ela mesma unha creadora, posiblemente eclipsada (a pesar de ambos) pola inmensa figura de Fernán Gómez.
Agora é a neta do actor, Helena de Llanos, quen reflexiona sobre ambos en Viaje a alguna parte, título que parafrasea unha das máis coñecidas películas de Fernán Gómez para reflexionar sobre a herdanza dos seus avós, os vestixios que quedan daqueles que xa non están e a reivindicación das figuras ocultas polo tempo e a historia.
A modo dun fermoso, persoal e vibrante ensaio fílmico, de formas sempre sorprendentes e imaxinativas, Helena de Llanos compón a máis emocionante das homenaxes, ao tempo que o seu filme se erixe como autorretrato da propia cineasta, do seu lugar no mundo, do peso que dúas figuras tan importantes como os seus avós teñen na súa propia carreira como creadora.
Viaje a alguna parte se constrúe a partir da visita á casa familiar, onde a través dos obxectos que posuíron e das estancias nas que viviron Fernando e Emma, se aparecen como pantasmas que guían o camiño do espectador.
Viaje a alguna parte estreouse como parte das conmemoracións polo centenario de Fernando Fernán Gómez e chega agora a Codex Cinema en dous pases limitados, o xoves 17 e o domingo 20, en ambos casos no horario das 20:30.
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte