O próximo xoves, 4 de decembro ás 19:00, a escritora Marisa Castro estará no centro sociocultural Vello Cárcere de Lugo para presentar a súa novela Soño de liberdade.
Trátase da segunda obra de ficción da investigadora e divulgadora, tras o éxito de A saga das curandeiras, publicada en 2022 e que xa conta con varias reimpresións.
Publicada en galego e castelán, tamén da man da editorial coruñesa Hércules de Ediciones, a obra relátanos a vida dunha hipotética muller, nada no rural galego, Sabela Couto Roriz (1949).
A novela é un percorrido pola súa vida, desde o seu nacemento na época das cartillas de
racionamento ata a chegada da democracia, xa na súa mocidade.
Narra a batalla que a protagonista tivo que manter para saír do círculo de submisión no que
vivían a súa nai e mais a súa avoga, batalla que gañou mediante o estudo e a rebeldía e que a levaron a poder traballar fóra do fogar, a casar coa persoa que amaba e a ser independente.
Este itinerario de vida serve para ofrecer unha panorámica sobre os labores agrícolas e
gandeiros nos que Sabela se viu obrigada a participar sendo nena e adolescente, sobre a
autoridade paterna, a precariedade da vida dunha nena do rural na cidade, as diferenzas de clases sociais, o papel da muller ou as dificultades para vivir un primeiro amor, sempre baixo o xugo da mirada paterna e do que dirán.
Marisa Castro Cerceda naceu labradora na casa de Segade do Barrio da Ponte (Lugo) en
1955. Casada e nai adoptante. Licenciada e Doutorada em Ciencias Biolóxicas pola
Universidade de Santiago de Compostela (homologada pola de Porto).
Xubilada como Profesora Titular, que exerceu durante 31 anos na Universidade de Vigo, área de Botánica.
Desde 1978, investigadora en Micoloxía: taxonomía, ecoloxía, catalogación de cogomelos,
aplicacións forestais e agrícolas, etnobotánica e etnomicoloxía (Premio de Investigación
Micolóxica Galega (1983).
Publicación de numerosos traballos de investigación, participación en numerosos congresos e descrición de media ducia de especies novas para a ciencia. Premio Bióloga do Ano en Galicia, 2022 e dos Colexios Profesionais en 2023.
Desde 1980, divulgadora científica en portugués, castelán e galego (Premio Lois Peña Novo, 2022 como defensora do galego na ciencia).
Ecoloxista, feminista e novelista (A Saga das Curandeiras, 2022 e Soño de Liberdade, 2025).