Actividade divulgativa “¿Cómo se vestía y armaba un soldado romano?
O Centro Asociado da UNED de Lugo acollerá o 10 de marzo de 2026, ás 18:30 horas, unha actividade divulgativa titulada “¿Cómo se vestía y armaba un soldado romano? Historia Viva del equipamiento militar básico del Periodo Altoimperial – Dinastía Flavia (2ª Parte)”, organizada no marco da programación vinculada ao XXV aniversario do Arde Lucus.
A sesión desenvolverase no Salón de Actos da UNED de Lugo e poderá seguirse tanto de maneira presencial como en liña, en directo ou en diferido. A actividade é gratuita e está aberta a toda a cidadanía.
A conferencia contará coa participación do Grupo Vindicta Recreación Histórica, unha asociación cultural sen ánimo de lucro dedicada á arqueoloxía experimental, á divulgación histórica e á recreación do mundo antigo. A través dunha recreación rigorosa baseada na investigación histórica, os participantes explicarán como se equipaban e vestían os soldados romanos durante o Período Altoimperial, na época da Dinastía Flavia, mostrando os elementos fundamentais do seu equipamento militar.
Durante a actividade abordarase o uso e a función das principais pezas do armamento e da indumentaria militar romana, ofrecendo ao público unha aproximación práctica e didáctica ao funcionamento do exército romano.
O Grupo Vindicta, fundado na cidade de Lugo no ano 2024, conta con membros en distintas provincias españolas e mantén colaboracións con especialistas e institucións museísticas. Entre as súas actividades destacan as accións de divulgación desenvolvidas en museos como o Museo do Castro de Viladonga, o Museo da Villa Romana de La Olmeda ou o Centro de Interpretación de Aquis Querquennis, así como a participación en eventos internacionais de recreación histórica en lugares como Pompeia (Italia) ou o anfiteatro romano de Nimes (Francia).
Con esta iniciativa, a UNED de Lugo contribúe á difusión do patrimonio histórico e cultural da cidade, reforzando a conexión entre a investigación histórica, a divulgación científica e as celebracións que poñen en valor o pasado romano de Lugo.
A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través da plataforma de extensión universitaria da UNED, https://extension.uned.es/actividad/50097&codigo=SVYA

























