Concertos de Laura LaMontagne e Nebra
As actuacións, gratuítas e con entrada libre ata completar aforo, serán o o venres 21, a partir das 20.00 horas, na Capela de Santa María.
Dentro do festival “As literatas para Rosalía de Castro” pola programación conmemorativa do Día de Rosalía.
A área de Cultura da Deputación de Lugo organiza por segundo ano consecutivo a xornada musical “As literatas para Rosalía de Castro”, que destaca a influencia da poeta como precursora e inspiradora da creación artística contemporánea.
As protagonistas serán a poeta e música Laura LaMontagne, coñecida por musicar poemas de Rosalía de Castro, e o grupo musical Nebra, que tamén mantén un vínculo coa literatura ao poñerlle música a un dos célebres poemas galegos de Federico García Lorca.
Curiosa por natureza e coa experimentación por bandeira, Laura LaMontagne (Lugo, 1993) flúe entre a música e a poesía até desembocar en espazos sonoros que mesturan tradición e vangarda.
Logo de anos colaborando co produtor PicoAmperio reinventando xuntos a lírica medieval galaico-portuguesa, LaMontagne volve a escena cunha nova proposta acompañada da violinista Sara Ember, despregando un abano único de música e referencias literarias que non deixará indiferente a ninguén.
Nebra
Nebra é un proxecto musical inspirado na estrutura das cantigas tradicionais, pero con sons de electrónica, baixo e percusión máis afastadas do concepto tradicional.
A banda nace no 2020 en Lugo da man da cantante e mestra de canto Sara Pérez Cruz (Sara Nebra), en colaboración co baixista Ángel Boquete e o batería Ro Muñoz.
Logo de musicalizar o poema de García Lorca “Danza da lúa en Santiago”, o trío lanzou en 2022 o seu primeiro disco “Sereas”. No mesmo ano foron finalistas na categoría Músicas do Mundo dos Premios Martín Códax da Música Galega.
Axenda Cultural de Lugo, Viva Lugo.
https://www.facebook.com/vivalugo