O vindeiro 18 de setembro ás 19:30h, a galería NÉBOA abre a súa tempada coa exposición “Entre as sombras voltarei acompañado”, segunda mostra individual de Vicente Blanco (Cee, 1974) na galería, baixo o comisariado de Pedro de Llano Neira.
Esta inauguración forma parte de #ABERTO2025, a gran apertura conxunta das galerías de arte contemporánea que integran a Asociación CONTEMPORÁNEA, un evento que transforma Galiza nun espazo común de encontro entre arte, cidades e cidadanía.
Na nova serie de traballos de Vicente Blanco, o debuxo convértese no eixo central, reivindicado tanto polos seus valores plásticos coma pola súa condición de medio accesible e democrático. A exposición reúne debuxos, pinturas e relevos en cerámica, nos que o artista explora cuestións ligadas á identidade, o desexo e a violencia, así como as tensións entre afectividade e agresividade.
Pedro de Llano sinala que nesta ocasión “o que predomina son as relacións físicas, psicolóxicas e simbólicas entre personaxes, a través de xestos, miradas e accións, nas que as mans xogan un papel protagonista”. O resultado é un universo visual ambiguo e evocador, onde o humor e a ironía medran como recursos para habitar as sombras ás que alude o título.
Vicente Blanco (Cee, 1974) é Licenciado en Belas Artes na especialidade de Escultura pola Universidade de Vigo (1997) e Doutor en Belas Artes pola Universidade de Granada (2012).
Blanco expuxo en prestixiosos museos de arte contemporánea como o MNCA Reina Sofía (Madrid), CGAC (Compostela), MARCO (Vigo) e o MUSAC (León).
Entre os seus últimos proxectos individuais destaca a mostra Entre as sombras voltarei acompañado na Galería NÉBOA (Lugo), Os coleccionistas de formas na Galería NÉBOA (Lugo), Los cuerpos inesperados na Galería silvestre (Madrid), O bruto delicado no Espacio Sirvent (Vigo), Contrato para paisaje na Galerie van der Mieden (Amberes) e Otra vez algo nuevo na Galería Elba Benítez (Madrid). E de forma colectiva: ¿Adónde irá el pájaro que no vuele? ¿Adónde iré yo que no te lleve?, La Casa Encendida (Madrid), Fío do Norte en NORMAL (A Coruña), Norte Silvestre e Agreste na Galeria Municipal do Porto (Oporto), Derrotas: formas de pensar en NORMAL (A Coruña), Persistencia e Animación na Sociedade Nacional de Belas Artes (Lisboa), etc.
Vicente Blanco foi distinguido coa bolsa da Fundación Pollock-Krasner (2023) e a súa obra está presente en destacadas coleccións como Carré d’Art en Nimes, a Fundación María José Jove, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León, entre outros.
Dende o 2013 reside en Coeses, unha pequena parroquia do Concello de Lugo.
Imparte clases na área de Didáctica da Expresión Plástica da USC na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo e ademáis, xunto con Salvador Cidrás e Estela Freile, é un dos fundadores do grupo de innovación educativa Escola Imaxinada, un colectivo formado por diferentes profesionais do ámbito das artes, a arquitectura, a filosofía e a Educación Infantil e Primaria.