Inauguración da exposición fotográfica «Somos pobo feito en nós»
Da lucense Karte (Andrea Prado Rielo)
Sábado 13 de setembro de 2025 – 18:30 horas – O Vello Cárcere de Lugo
«Somos pobo feito en nós” é un proxecto fotográfico e editorial que nace da vontade de documentar e dignificar a música galega como acto de resistencia cultural e identitaria.
A través da fotografía de concertos e da creación dun fanzine, a autora constrúe unha narrativa visual que reivindica a cultura galega desde dentro, afastada das lóxicas comerciais e da mirada externa.
O proxecto insírese na tradición Do It Yourself (D.I.Y.) e na estética punk, empregando a fotografía, o collage e a intervención manual como ferramentas de memoria e de loita simbólica. Cada imaxe non é só un documento, senón un acto de amor e de compromiso coa comunidade que sostén a música en galego.
Tamén é un espazo de reflexión sobre quen fai posible a cultura: músicos, técnicas, público, colectivos, salas e iniciativas autoxestionadas que, a pesar da precariedade, manteñen viva a lingua e a identidade.
O proxecto busca visibilizar o traballo invisibilizado da clase obreira, da mocidade, das persoas disidentes, migrantes e de todas aquelas que deciden apostar pola cultura como ferramenta de futuro.
O fanzine resultante, acompañado de pezas gráficas como camisetas serigrafiadas, constitúe un arquivo vivo da música galega contemporánea, un rexistro feito por e para o pobo, que resiste ao esquecemento e reafirma que só a cultura pode salvar á cultura.
Feito desde as grellas dos escenarios, entre luces, suor e compromiso, o que aquí se mostra é a xente que fai cultura, erguéndose para manter viva a nosa identidade.
Este proxecto nace da convicción de que só o pobo salva o pobo.
A filosofía do “faino ti mesma” sostén unha práctica co que hai á man, aceptando o erro, a mancha e o azar como metáforas da pluralidade.
Cada fotografía é un acto de resistencia que lembra que a nosa identidade latexa con forza a través da música e da arte.
En Galiza, a música funciona como salvavidas cultural e espazo de emoción compartida.
A estética punk, crúa e directa, atravesa todo o proxecto, reivindicando o seu trazo identitario como forza e recoñecendo aos artistas e ao pobo galego como defensores dunha identidade cultural que resiste e latexa cada día, sendo a cultura a semente de vencer que nos separa da extincion.
https://www.instagram.com/karte_foto_gz/