Cargando Eventos

« Todos los Eventos

Inauguración da exposición «Truer» de Sara Piñeiro

16 de mayo - 12:30

A galería NÉBOA (Lugo) inaugura o sábado 16 de maio ás 12:30 h a exposición individual de Sara Piñeiro (Sanxenxo, 1996), cun texto de Eva Antelo Mata.

Baixo o título Truer, a mostra aborda a construción da imaxe a partir de materiais fráxiles e dispositivos auxiliares —como cintas adhesivas e po mineral— que a artista somete a procesos de desactivación para anular a súa función orixinal.

Liberados do seu uso habitual, estes materiais convértense en superficies inestables e reconfigurables, dispostas mediante xestos repetitivos que poñen o foco no proceso, o tempo e nas estruturas invisibles que sosteñen a imaxe.

Como sinala Eva Antelo Mata, a exposición propón unha mirada atenta ao mínimo e ao imperceptible, deténdose naquilo que adoita quedar fóra do foco e convidando a desacelerar a percepción.

Fronte á velocidade superficial

Truer é un contafíos. Unha lupa que magnifica a trama do que nos rodea e coloca a nosa vista sobre o tecido que conforma as cousas, as súas unidades mínimas e os seus procesos invisibles.

As obras desta exposición fannos calzar uns zapatos alleos: redúcennos o tamaño, enxalzan o xesto mínimo e pídennos tempo e coidados para o que convencionalmente lle restamos valor.

Sara Piñeiro convídanos a unha ollada vagarosa que enlaza recordos de infancia con preguntas da adultez, que rescata con delicadeza o que se desbota sen pensar. Na mesma sala na que explora incertezas existenciais do seu presente, compártenos o recordo duns debuxos esquecidos deses primeiros días cun lapis na man, unhas pequenas covas onde gorecía aos animais da súa imaxinación.

Os materiais empregados son subprodutos da industria, materiais auxiliares e periféricos doutras profesións e sectores: elementos necesarios para facer posible a nosa cotiandade, mais deseñados para pasar desapercibidos.

Aquí, deixan de ser instrumento para converterse nun fin en si mesmos: reprogramar, reconstruír e retecer doutra maneira. Fan preciso agacharnos e observar con atención as estruturas que nos sosteñen; observar, analizar e chegar á materia prima das cousas, para recompoñer, recuperar, des-alienar.

Esta exposición proponnos deixar de esvarar infinitamente cara abaixo polas nosas
pantallas e profundizar mirando debaixo. Que tece a nosa visión? Que fíos se entrelazan para urdir a imaxe do que somos, do que queremos ser?

Lembremos que a representación da realidade nunha pantalla xorde grazas a centos, miles de pequenísimas fontes de luz, que, á súa vez, reciben instrucións de miles e millóns de ceros e uns, entramados de xeito
específico para transmitir esa información.

Mesmo na arte esquecémonos moitas veces de observar, precisamente, esa luz que nos permite percibir unha obra: todos eses útiles de iluminación que, malia estaren fóra do horizonte de visión, fan visible a peza, do mesmo xeito que nos falan con sinceridade sobre a historia do espazo que alberga a arte, sobre os medios e recursos dos que dispón, sobre os procesos que atravesou.

Mais tamén cabe preguntarse pola parte física da imaxe: os minerais que a terra agocha son os que fan posible a simulación virtual. Do chan que nos sostén extraemos unha cantidade innumerable de recursos que damos por sentado e non visualizamos as consecuencias; a ética para co medio e as comunidades das que se veñen extraendo estes materiais é unha das cuestións máis urxentes a resolver para o noso futuro global.

O punto de partida de Sara Piñeiro é unha canteira familiar, na que o granito arrincado do chan levanta edificios a kilómetros del e sostén luxos alleos. Desa pedra que xa non está só quedou, como residuo, o po de granito que produciron as máquinas de corte; o mesmo po que forma parte das súas pezas.

Estas partículas de cuarzo, mica e feldespato pasan de subproduto industrial a sedimento biográfico: integradas co látex, son pel do pasado; son, agora, algo máis que a pedra que antes eran.

Dende aquí, continúa para incorporar todo tipo de partículas do próximo, recollendo a voaxa cotiá de fogares, rúas e terceiros espazos; restos de agresións, modificacións e erosión das superficies que nos acompañan; pegadas das vidas que por elas pasan.

Sara Piñeiro

(Sanxenxo, 1996) desenvolve a súa práctica entre Galicia e o País Vasco. O seu traballo sitúase nun territorio adisciplinar desde o que investiga a tensión entre imaxe e aparencia, articulada a través do uso de materiais fráxiles e formatos que operan como superficies sensibles. Nelas, a artista atende ás connotacións, xestos e desprazamentos que o propio material é capaz de activar, poñendo en cuestión os réximes de visibilidade e construción da imaxe.

É graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, onde tamén cursa o Máster en Dirección de Arte en Publicidade, formación que compaxina cunha bolsa de colaboración no Departamento de Pintura da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Previamente, estuda Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela. Completa a súa formación co Máster en Pintura pola EHU/UPV e unha estancia no estudo de Regina de Miguel en Berlín.

Actualmente desenvolve unha investigación doutoral arredor da autoimaxe do artista contemporáneo como dispositivo estrutural nos novos territorios mediáticos, en relación coa praxe artística, tras obter unha bolsa predoutoral da Xunta de Galicia. En 2025 amplía esta investigación cunha estancia na Universiteit van Amsterdam.

En 2026 é seleccionada para a segunda edición das residencias Novos Valores, no marco das cales desenvolve estancias na Walter Leblanc Foundation (Bruxelas) e no Centro de Creación Contemporánea Matadero Madrid; os resultados deste proceso presentaranse na Bienal de Pontevedra de 2027. Previamente, foi artista residente no Encontro de Artistas Emerxentes do Pazo de Mariñán (2025) e nas Residencias Artísticas Celestino Cuevas, en Reinosa (2025).

O seu traballo presentouse en institucións e espazos como o Auditorio de Galicia, o Museo de Pontevedra, Espacio Alexandra, Sala El Brocense, Casa de la Alhóndiga e o Palacio de Horcasitas, entre outros.

Detalles

  • Fecha: 16 de mayo
  • Hora:
    12:30
  • Categoría de Evento:

Recinto