- Este evento ha pasado.
Inauguración da mostra «Ameigade»

Inauguración da mostra «Ameigade», Arquitecturas simbólicas do mito galego. Artista: Eloy
Sábado 31 de xaneiro de 2026
Solaina Galería, Lugo
12:00 horas
Esta mostra presenta unha serie de obras de gran formato que toman como punto de partida o folclore e as crenzas galegas, revisadas desde unha linguaxe contemporánea baseada na abstracción xeométrica. A través desta serie, o artista explora dúas entidades fundamentais do imaxinario popular galego —as meigas e os demos— figuras historicamente empregadas para explicar aquilo que escapaba á comprensión colectiva e para sinalar ou castigar o que non se quería entender.
Lonxe dunha lectura literal, Ameigade propón unha reinterpretación simbólica destas figuras, transformándoas en estruturas xeométricas e arquitecturas visuais que
condensan medo, memoria e identidade. A abstracción convértese así nunha ferramenta
para achegarse ao mito desde a vangarda, abrindo un espazo de diálogo entre tradición
e experimentación formal.
A mostra funciona como unha homenaxe ás meigas e aos demos, entendidos non só
como personaxes do relato popular, senón como construcións culturais que forman parte
dunha maneira propia de interpretar o mundo. As obras convidan a reconsiderar estas
figuras desde unha mirada actual, poñendo en valor o seu peso simbólico e a súa
capacidade de reinventarse co paso do tempo.
Sobre o artista
Eloy (Ferrol, 1995) é deseñador de produto e artista visual. A súa obra transita entre o
deseño, a tradición galega e a experimentación contemporánea, cunha práctica que nace
do debuxo e evoluciona cara a unha linguaxe pictórica de gran formato. No seu traballo
conflúen o xeométrico, o simbólico e o mitolóxico como formas de activar a memoria
popular desde unha perspectiva actual.
Formado en Deseño Industrial na Universidade da Coruña, desenvolveu boa parte da súa
carreira profesional en Sargadelos, onde traballou como deseñador de produto en
contacto directo coa creación artística e coa cultura material galega. Esta experiencia
marcou profundamente a súa maneira de entender a relación entre forma, función e
identidade cultural.
En paralelo, participa activamente no tecido cultural galego a través de colectivos,
galerías e asociacións, explorando o papel da arte como ferramenta comunitaria. Na súa
obra conflúen o rigor do deseño industrial e a liberdade da pintura, dando lugar a pezas
que dialogan co imaxinario galego desde a vangarda.
A súa última serie, AMEIGADE, sintetiza estes intereses nun conxunto de obras que
reinterpretan o folclore galego mediante a abstracción xeométrica, homenaxeando ás
meigas e aos demos como arquitecturas simbólicas dunha cultura viva, en constante
transformación.

























