Inauguración da mostra ‘Ritos e rituais de inverno’
Tras o seu paso por Zamora, Salamanca, Torre de Moncorvo (Portugal), Valladolid, Cáceres e Alfândega da Fé (Portugal), a mostra ‘Ritos e rituais de inverno’ chega este xoves 13 de marzo ás 19.00 horas ao centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo.
A área de Antropoloxía Social e Cultural da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa AECT Duero-Douro, a Cámara Municipal de Torre de Moncorvo e a Academia da Máscara Ibérica é a encargada de organizar esta exposición que poderá visitarse de balde ata o vindeiro 15 de maio.
Baixo o epígrafe ‘Revelar os traballos e a arte das máscaras’, participarán no acto de inauguración a profesora de Antropoloxía da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC, Elena Freire Paz; e a profesora Pilar Panero García, directora da Cátedra de Estudios sobre la Tradición da Universidad de Valladolid e mais do proxecto europeo MASK.
A mostra exhibe unha colección de oitenta e tres máscaras tramontanas elaboradas por vinte e seis artesáns distintos.
As pezas atópanse asociadas a trinta e catro rituais antigos do Entroido tradicional, procedentes da colección privada que foi conformando Nuno Jorge Rodrigues Gonçalves.
As máscaras proceden de freguesías e vilas do Distrito de Bragança, en Portugal, un territorio que conserva un vasto patrimonio cultural cunha orixe arcaica, pero vixente pola gran aceptación social que ten hoxe día.
A colección que se expón atesoura valores artísticos, históricos, educativos e antropolóxicos.
Axenda Cultural de Lugo.
https://www.facebook.com/vivalugo
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte