
A UNED de Lugo acollerá este xoves, 30 de outubro, ás 18:30 horas, o terceiro encontro do ciclo LugoPoética 2025, protagonizado por dúas voces recoñecidas da poesía galega contemporánea: Ana Vila Portomeñe e Paco Ledo.
Este novo recital forma parte de LugoPoética 2025, un proxecto de Egeria en colaboración coa UNED Lugo e a Xunta de Galicia, continuador da acción iniciada en 2024, que se desenvolve ao longo de seis xoves do último trimestre do ano.
A iniciativa, idea orixinal de Xulio Xiz e presentada por Xosé Carlos Ulloa, consiste en conversas de 90 minutos de duración nas que as persoas convidadas comparten reflexións e lecturas da súa obra, ofrecendo ao público unha oportunidade única de mergullarse na palabra poética.
Cada sesión xira arredor do formato “Paso a dous”, que reúne parellas de poetas vencellados por lazos familiares ou afinidades vitais e creativas, e pode seguirse posteriormente a través da canle de YouTube da UNED Lugo.
A actividade é en galego e de entrada libre ata completar aforo, reforzando o compromiso da UNED de Lugo coa difusión da poesía, a cultura e a lingua galegas.

Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte