Presentación do libro ‘As obras póstumas’
A libraría Trama de Lugo será o escenario este xoves 16/10 da primeira presentación na cidade de «As obras póstumas», a nova novela de Diego Giráldez publicada pola Editorial Xerais e gañadora do XLIII Premio Blanco Amor de novela.
O acto terá lugar ás 19:45h. e o autor estará acompañado pola escritora lucense Antía Yáñez.
Durante a presentación, o público terá a oportunidade de coñecer de primeira man os
segredos da creación da obra, o seu proceso de escrita e as intencións literarias do autor, así como de compartir reflexións sobre os temas que a novela propón.
A escritora e o autor conversarán sobre a novela que consolida traxectoria literaria de Giráldez e o reafirma como unha das voces máis singulares do panorama narrativo actual en Galicia.
“Un dos libros do ano en Galicia”, tal e como afirman críticos e público, é unha novela fondamente literaria e humana.
Nela, Diego Giráldez constrúe unha voz feminina inesquecible: Pilar Fonte, escritora consagrada, que tras ser diagnosticada con demencia decide enfrontarse á súa última obra desde a memoria, o humor e a lucidez que aínda resisten no seu interior.
Cada capítulo é un fragmento que se sostén como pode, ás veces con beleza, outras con tenrura, moitas cunha ironía demoledora.
Entre os pasaxes do presente e os recordos do pasado, a novela intercala os relatos de Figuras de xardín, unha colección de contos breves sobre os pacientes do psiquiátrico que
Pilar imaxinaba desde nena. Con eles, o libro abre unha segunda lectura: a relación entre
escrita e poder, entre ficción e vida, entre mirar e ser mirado.
As obras póstumas non é un testamento literario, senón unha defensa desesperada —e fondamente lúcida— do desexo de seguir contando. Unha obra que emociona sen caer no dramatismo, que reflexiona sen dogmas e que se atreve a escribir sobre a perda desde un lugar onde aínda arde a voz.
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte