Proxección de «Salvaxe, salvaxe» e coloquio
Venres 28 de marzo de 2025 – 20:15 horas – Codex Cinema
O filme foi premiado en eventos como o Festival de Málaga, FICG Guadalaxara, Play-Doc, Alcances, Festival de Cine Internacional de Ourense ou Another Way Film Festival.
O documental, rodado entre Galicia e Portugal coa compaña de científicos/as e investigadores, busca resignificar as imaxes da natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos.
SALVAXE, SALVAXE é un exercicio de cinema emocionado e comprometido coa natureza que somos, co territorio que habitamos e coas relacións con todas as outras criaturas coas que convivimos e das que dependemos. Cinema para reanimalizarnos, asilvestrar as nosas miradas, volver a sentirnos vivas.
Dirixido por Emilio Fonseca e producido por Xiana do Teixeiro.
«Este ensaio fílmico é un anti-documental de natureza: nel aparecen lobos que devolven a mirada a cámara aterrorizados e humanos que saben ouvear. Todas as criaturas deixamos rastros neste baile coidadoso de rastrexadores rastrexados»
«Con SALVAXE, SALVAXE quixen facer unha película para compartir a emoción que me esperta a cohabitación con outras formas de vida.
Empecei o proxecto como un documental sobre os lobos do noroeste ibérico, entrevistando a xentes que tiveran contacto con lobos, gandeiros, investigadores. Axiña me dei conta de que non quería facer outra reportaxe sobre os danos á gandería, as medidas de protección do gando e a chamada “xestión” do lobo, cando o único que significa é cantos hai que matar.
Tampouco busquei un “típico documental de natureza” no que se espectacularice o drama da vida salvaxe nunha contorna bucólica onde non hai rastro do humano. Non me parece interesante discutir se hai que conservar ao lobo, especie fundamental dos nosos ecosistemas. Para min é urxente coidar esa poboación de lobos e os ecosistemas nos que habitan e tamén axudar a desarticular políticas e discursos contrarios ás vidas non humanas e a evidencia científica», afirma o director.