MAR 2018 Damos conta dunha nova que non ten que ver cun evento en Lugo pero sí con artistas lucenses nun GRAN evento fora da nosa cidade: A Cidade da Cultura inaugurou o 16 de marzo a exposición Galicia universal. A arte galega nas coleccións de Abanca e Afundación, a mostra máis ambiciosa realizada nos últimos anos sobre arte galega.

Por vez primeira, unha mesma exposición reúne 192 obras de moitos dos artistas galegos máis relevantes dos últimos 150 anos como son Jenaro Pérez Villaamil, Fernando Álvarez Sotomayor, Urbano Lugrís, Francisco Lloréns, Serafín Avendaño, Laxeiro, Virxilio Fernández, Manuel Colmeiro, Luís Seoane, Maruja Mallo, Eugenio Granell, Julia Minguillón, Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Berta Cáccamo, Antón Lamazares, Pamen Pereira, Elena Colmeiro, Arturo Souto ou Antía Moure, entre outros moitos ata completar un total de 115.

O Museo Centro Gaiás acollerá ata o 14 de outubro esta escolma de pinturas, esculturas, fotografías e instalacións que supón unha oportunidade única para achegarse ao proceso de construción da nosa identidade cultural e comprender a dimensión universal da arte galega. Á vez, esta exposición facilítalle a toda sociedade o acceso ao relevante patrimonio artístico que posúen as importantes coleccións de Abanca e Afundación.

galiciauniversa

Programa de actividades

Galicia universal. A arte galega nas coleccións de Abanca e Afundación estará aberta ao público de martes a domingo, con entrada de balde, e contará cun amplo e variado programa de actividades e visitas guiadas e didácticas co fin de contribuír á difusión das obras, cunha especial atención á comunidade escolar, pero tamén aos amantes da arte, co obxectivo de incrementar a afluencia de turismo cultural.

O atractivo da exposición virá reforzado polo deseño da montaxe, a cargo do recoñecido estudio galego de arquitectura Abalo e Alonso, que están a desenvolver un proxecto para realzar o valor singular da pezas e establecer un diálogo harmónico coa potencia visual do Museo Centro Gaiás.

O catálogo da exposición, en galego, castelán e inglés e editado polo estudio galego Desoños, representará unha obra de referencia para o coñecemento da arte galega, que permanecerá más alá da clausura da exposición.

As obras da exposición organízanse seguindo un criterio temático, no que as pezas se agrupan ao redor de cuestións como a cultura popular, a presenza da muller na arte, o compromiso social, a paisaxe, o retrato, a tradición e renovación ou os movementos da nova arte galega.

A través deste discurso, Galicia universal. A arte galega nas coleccións de Abanca e Afundación permite comprender como a construción da arte galega é o resultado de dous factores: o compromiso dos artistas coa identidade e a súa vocación de universalidade, reflectida na ligazón coas tendencias e movementos internacionais.