ABRIL 2018 O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou  na sala de exposicións temporais do Arquivo Histórico Provincial de Lugo, a mostra Voando o pasado. Fotografía aérea e arqueoloxía en Galicia, organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Este é a terceira parada da itinerancia da exposición por distintos puntos de Galicia.

Anxo Lorenzo destacou que “o arqueólogo se serve da fotografía aérea para facer unha reconstrución máis rigorosa e precisa do pasado, dando testemuño do enorme potencial das imaxes tomadas desde o aire para a investigación arqueolóxica”. Trátase de imaxes globais “de xacementos arqueolóxicos, de paisaxes históricas e do patrimonio arquitectónico galego que contribúen ao coñecemento e á difusión do noso acervo cultural”.

 

A exposición componse de 29 paneis que reflicten a evolución das técnicas da fotografía aérea aplicadas á arqueoloxía. Castros marítimos, como o de Baroña; no cume dun outeiro, como o de San Cibrao de Las; vías romanas, como a da Ponte Bibei, na Pobra de Trives ou fortalezas medievais, como as Torres do Oeste de Catoira, pódense observar desde unha perspectiva pouco común.

No acto de inauguración estiveron presentes tamén o director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Xulio Rodríguez, a directora do arquivo, Dolores Pereira, e o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo.

Arquivo Histórico Provincial de Lugo (Cambria, S/N 27002 Lugo – por detrás da Biblio Provincial de Ramón Ferreiro),  ata o  día 15 de xuño.

De luns a venres de 8:30 a 20:30 horas

Entrada gratuita.