Encontros con vellos oficios artesáns na Praza Maior. A mostra comezará este domingo, 24 de xullo, e celebrarase durante todos os domingos ata o 11 de setembro
Chega a a segunda edición da Mostra de Vellos Oficios Artesáns na Praza Maior para facilitar o coñecemento dos oficios tradicionais a través de experiencias en directo que mostren o bo facer das e dos artesáns
A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou esta actividade que comezará o vindeiro domingo e manterase cada domingo ata o vindeiro 11 de setembro.
As mostras terán lugar nos soportais da Casa do Concello, na praza Maior os domingos de 11 a 14 e de 17 a 20:30. Cada un dos días contarase con dous profesionais de distintas especialidades, entre as que se atopan a madeira, os instrumentos musicais, a cestería ou o metal, entre outras.
“Este proxecto de promoción dos vellos oficios céntrase nos labores tradicionais que manteñen vivos mestres e artesáns, e poderase ver a técnica destas disciplinas que sobreviviron á produción industrial”, explicou a edil de Cultura.
Programa Mostra de Vellos Oficios Artesáns 2021
24 de xullo
Beatriz Valín – Cestería
Demostración de cestería mixta de vimbio e costelas de castiñeiro, moi utilizada en Galicia, así como os cestos de colmo nos que se emprega unha antiga técnica de espiral feitos de palla e silva.
Carlos Pardo Álvarez (Vallelongo) – Elaboración de pemento
Demostración en directo dun oficio tradicional do Bierzo como é a moenda de pementos secos e desrabados á man para obter pemento doce e picante. O pemento sécase de modo natural sen fume e móese con muíños dos anos 60 restaurados e pedra de granito; a lentitude do proceso dálle ese arrecendo e pureza característicos do pemento do Bierzo.
31 de xullo
Lola Puñales – Xabonería
Demostración da elaboración dun xabón segundo a fórmula tradicional, a que se mantivo nas aldeas (apta para limpeza doméstica pero non a hixiene corporal), pero con medios máis modernos coma unha batedora eléctrica e coa participación dalgunha persoa do público. Tamén se falará da historia do oficio, do seu desenvolvemento durante os séculos XVIII e XIX, do que a industria xaboneira supuxo para a cidade de Lugo e do seu posterior declive.
Xoán Manuel Tubío Fernández (Xaneco) – Instrumentos musicais
Demostración de contrución dun instrumento musical dos que se realizan habitualmente no seu obradoiro. Faise cun criterio de calidade que busca poñer os instrumentos musicais galegos ao nivel dos doutras procedencias. Os instrumentos que realiza son de percusión tradicional e zanfonas.
7 de agosto
Lis Latas (Lis, obradoiro de gaitas) – Instrumentos musicais
Demostración de fabricación de gaitas coas mellores materias primas, combinando técnicas tradicionais coas máis novas tecnoloxías que fan deste taller artesán un referente dentro do mundo musical.
A estrela dos produtos elaborados neste obradoiro é o punteiro afinable, unha revolución de vangarda e unha volta de rosca ao elemento máis representativo do folclore galego.
Inés Rodríguez Rodríguez (Inés RiR & Co) – Deseño téxtil artesán
Demostración do Oficio do Tecido baixo Lizo. Amosando deseños actuais feitos con técnicas tradicionais de tear coma o gorullo. Nesta demostración ademais poderase ver un exemplo de pezas antigas empregadas no oficio: lanzadeiras, caneleiras, materiais como lá e liño, e as que se empregan na actualidade para facer una artesanía máis contemporánea, sempre vencellada ó oficio tradicional.
14 de agosto
Mª Xosé Xalgarete – Cianotipias
Demostración do procedemento fotográfico das cianotipias. Nel emprégase papel de acuarela e produtos químicos sensibles á luz que se expoñen directamente ao sol e así obtéñense finalmente imaxes en azul prusian. Ponse en práctica sobre distintos soportes ou negativos fotográficos esta técnica usada por primeira vez na Inglaterra de 1843.
Antón Román Vázquez – Alfarería tradicional galega
Demostración e exhibición de reprodución de pezas de alfarería tradicional galega, con explicación de ónde é cada peza (de Gundivós, Bonxe, Niñodaguia e Buño) e qué uso tiñan as pezas (queixeiras, sacaleites…) Esta actividade divulgativa busca que os visitantes tomen conciencia da importancia de que haxa relevo nos oficios, que haxa xente nova que continúe con eles.
21 de agosto
Roberto Figueira Martínez (Cousas de Madeira) – Talla de Madeira
Demostración de talla e escultura en madeira para a cal o artesán acude cun banco de talla de construción tradicional mais un de escultura réplica dun medieval, ademais de gubias, mazas e unha mostra de tallas e esculturas rematadas máis en varias fases do seu proceso de labra. Durante a xornada dedícase a traballar sobre unha peza de talla ou escultura para que se vaian vendo as distintas fases e técnicas que se usan no oficio.
José Piñeiro Pérez (Instrumentos Nebra) – Tornería de Gaitas
Demostración da construción das distintas partes dunha gaita mediante un torno de varas movido por pedal. Realizarase tamén o cosido dun fol de coiro empregando para iso modelos e formas das gaitas Tumbais das Rías Baixas do século XIX. E expoñeranse as ferramentas empregadas para a súa construción.
28 de agosto
Eugenio Soto (Artesanía Corman) – Decoración de cristal
Demostración de tres técnicas de decoración tradicional de cristal: talla de vasos e copas cun torno eléctrico con pedra de esmeril nun eixe que contén rodas de distintas tipoloxías e ao rozar no cristal faille diferentes incisións; gravador máis superficial con puntas diamantadas; esmaltado de cristal mediante pintura e cocción en forno.
Carlos Graña (Verdecima, tallas de madeira) – Talla de madeira
Demostración do proceso de talla dun cunco de madeira: baleirado por dentro, tallado da forma externa, lixado e remate con distintos acabados dependendo de se o seu uso vai ser ornamental ou culinario.
4 de setembro
Carla Canedo Martínez (Carla Alfaia) – Xoiería
Demostración que consiste na creación de filigranas de prata, a composición dun sapo e uns brincos coas filigranas formadas, realización das bóliñas necesarias e o soldado de todas as pezas que compoñen as xoias.
Julia Vilariño -Sombreirería artesanal
Demostración do oficio de sombreirería: cómo converter unha capelina ou campá de feltro ou fibras naturais nun chapeu, aprestado do tecido, modelado en hormas de madeira, prancha, vapor, costura…
11 de setembro
Lis Latas (Lis, obradoiro de gaitas) – Instrumentos musicais
Demostración de fabricación de gaitas coas mellores materias primas, combinando técnicas tradicionais coas máis novas tecnoloxías que fan deste taller artesán un referente dentro do mundo musical.
A estrela dos produtos elaborados neste obradoiro é o punteiro afinable, unha revolución de vangarda e unha volta de rosca ao elemento máis representativo do folclore galego.
Francisco Fra Rico – Carpintería de ribeira, construción de embarcacións
Demostración do traballo de construción dunha embarcación tradicional. Tratarase das tipoloxías, o trazado, os modelos de medio casco. A supervivencia deste oficio pasa por facelo visible, por mostrar o traballo que se fai, por dar a coñecer a nosa cultura e a tradición mariñeira.