Maite Ferreiro xunto con Luz Darriba inauguraron a mostra fotográfica «Amurallando os Soños II, Cumulum 2000/2019» en O Vello Cárcere

Novembro 2019 Maite Ferreiro inaugurou xunto con Luz Darriba a mostra fotográfica «Amurallando os Soños II, Cumulum 2000/2019», unha mostra de arredor de 100 fotografías que amosa algúns dos moitos aspectos que tivo o proxecto Cumulum, nacido coa intención de apontoar a candidatura da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade, e levado adiante “grazas á axuda de milleiros de voluntarios e voluntarias que creron na importancia de poñer en valor o noso patrimonio”, indicou Maite Ferreiro.

Esta exposición inicia as actividades culturais organizadas pola área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua para celebrar o XIX aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade. O Vello Cárcere acollerá esta exposición, xunto coa mesa redonda “Implicación das institucións na consecución do recoñecemento da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade”, que terá lugar o vindeiro martes 3 ás 19 horas e contará con Branca Rodríguez Pazos e Cándido Sánchez Castiñeira, moderada por Rubén Arroxo, e a conferencia “O dilema histórico da importancia da Muralla como monumento”, que dará Adolfo de Abel Vilela o martes 3 ás 20 horas.